RADIO.- "Sería un pequeno milagre volver ver a neve en Pontevedra"

Pontevedra
14 de xaneiro 2021

A meteoroloxía e as súas consecuencias asolaga a actualidade dos últimos días competindo coa pandemia. En PontevedraViva Radio charlamos con María Souto, de Meteogalicia, e falamos de nevadas en Pontevedra, dos rexistros que esta onda de frío está a deixar e de paraugas

María Souto (no centro) xunto ao resto do equipo de Meteogalicia Meteogalicia

O mes de xaneiro comezou nesta provincia, do mesmo xeito que no resto peninsular, cunha masa de aire de frío que permanece aínda. Con iso, Pontevedra e o resto de Galicia librouse dos efectos da xa tan nomeada borrasca Filomena. Coa meteoróloga de Meteogalicia, María Souto, achegamos en  PontevedraViva Radio excepcionalidades e efemérides que si se están rexistrando nos últimos días.

Por exemplo, xeadas á beira do mar, que se rexistraban en estacións meteorolóxicas como a da Lanzada; ou os datos máis baixos en negativo dos últimos anos aos que se chegou en Ponte Caldelas ou Meis o pasado 5 de xaneiro; aínda que sen chegar a "bater records" como si sucedeu en 2007.

E remontándose tempo atrás, un 14 de xaneiro de 1987, a cidade de Lérez, do mesmo xeito que toda a costa galega e a Comunidade, espertou en branco coa que segue sendo a última nevarada en Pontevedra. Naquel momento tamén acompañada dunha xélida situación cuxas especificidades non poden lembrar en Meteogalicia, xa que daquela aínda non existía como hoxe coñecémola.

"Non sabemos cando se vai a volver repetir, pero sería un pequeno milagre volvela a ver. A atmosfera é caprichosa pero estamos a falar dunha situación excepcional nunha zona que non é normal que suceda. Que neve a nivel de costa en Galicia é moi excepcional, que cadre xusto ese punto de ter aire frío e precipitacións, vai pasar moi poucas veces", sinala María Souto neste Cara a cara.

Aínda quedan uns días de frío; pero segundo avanza, a mediados da próxima semana tocará recuperar os paraugas porque se aveciña ese tempo ao que a Comunidade galega está máis afeita: frontes atlánticas con choivas considerables.