RADIO.- Seis alumnos do Instituto Valle Inclán conclúen Bacharelato con Matrícula de Honra

Pontevedra
20 de xuño 2020

Nun curso excepcional, por inédito, seis alumnos do Instituto Valle Inclán conclúen Bacharelato con Matrícula de Honra. Un final por tanto excepcional tamén para o propio centro. Charlamos con eles en PontevedraViva Radio

Pablo Rivas, María Méndez, Pablo Lorenzo, Sabela Estévez, Laura Vázquez e Ramón Rodríguez Mónica Patxot

Foi un curso excepcional conducido no tramo final polos condicionantes da COVID19. E neste contexto o resultado co que terminan os estudos de Bacharelato seis estudantes do Instituto Valle Inclán tamén o é, na súa connotación máis positiva. Pablo Lorenzo, Sabela Estévez, Laura Vázquez, Pablo Rivas, Ramón Rodríguez e María Méndez acaban esta etapa con Matrícula de Honra e comparten este momento de final dunha etapa e comezo doutra nova con PontevedraViva Radio.

Acompáñalles durante a charla no propio Instituto - e cunha exclusiva visita ao torreón do centro -, Ana Santos, profesora de Educación Física e para a que tamén vai ser un ano diferente porque pon punto final a trinta e seis anos dedicada á docencia. "Como xa tiñan uns resultados estupendos, en 4º de ESO sendo a súa titora, púxoselles o apelativo de 'a elite'. Para min é un orgullo como profesora, xubílome con moi bo sabor de boca porque o fago coa mellor promoción que tivemos", apunta Ana.

Cóntannos como foi a experiencia de organizarse e estudar no confinamento; desde a distancia cos seus profesores e compañeiros. Que foi o máis arduo nestes meses e como se preparan para o reto académico máis inmediato que teñen unha vez que este venres terminaron o curso: os exames da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade ( ABAU) a partir do sete de xullo.

Tras eses exames o seguinte chanzo será matricularse na universidade. Uns teñen clara a opción de futuro, outros se debaten entre máis dunha posibilidade; pero todos teñen ansia por comezar o que saben vai ser unha nova etapa nas súas vidas. Tras esta charla para as Conversas na Ferrería, deixámolos camiño do despacho da Dirección do Instituto, levan unha proposta para non ser a promoción que non puido celebrar a súa gradación.