RADIO.- #QueimanGalicia nas Conversas na Ferrería

Pontevedra
20 de outubro 2017

Cinco convidados acreditados comparten os micrófonos de PontevedraViva Radio para abordar o por que #QueimanGalicia. Unhas Conversas na Ferrería que deixan claves a considerar seriamente para evitar que se sigan declarando incendios forestais como os que están a producir nesta comunidade

#QueimanGalicia nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio PontevedraViva

Juan Picos é director da Escola de Inxeniería Forestal de Pontevedra, doutor en Inxeniería de Montes e autor de varios libros sobre xestión ambiental. Juan Carlos Barragán é inxeniero superior de Montes, diplomado en Medio Ambiente, Máster en Gestión Medioambiental e técnico superior en Prevención de Risgos Laborais; no exercicio da súa profesión foi  adxunto á dirección do Parque Nacional de Doñana, xefe provincial de extinción de incendios da Xunta, profesor na Escola de Capataces de Lourizán e a Escola Politécnica de Lugo e actualmente é director de Green Enviroment.

Alejandro Oliveros, é director de Ordenación Forestal de Ence. María José Fuentes, pertence á Autonómica de Comisiones Obreras e ao comité de empresa do Servicio de Brigadas Forestais de Galicia. Claudio Quintillán é secretario de comunicación social da Organización Galega de Comunidades de Montes.

Con estes cinco convidados dedicamos as Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio aos incendios forestais. Formación e experiencia en todos eles que levan a unhas conclusións de consideración. Da prolongada e necesaria charla extraemos algunhas das máximas reseñables que nos deixan.

JUAN PICOS: "Este ano os incendios empezaron como sempre e acabaron como nunca. A mala noticia é que segundo os informes do cambio climático as condicións futuras non van ser favorables e con esa perspectiva a pregunta é como hai que preparse para que non volva ocorrer. Aí está o debate de como está o servizo de alerta de prevención e extinción, como está a pouca ordenación forestal e non esquecernos da deficiente ordenación urbanística".

"Galicia na súa Lei de Montes de 2012 establece os plans de ordenación forestal, de distrito, de forma que en cada un débense realizar plans establecendo restricións, regulacións, análises do territorio, etcétera. A lei é de 2012 e aínda non se fixo o primeiro. E falando do uso social, poño como exemplo Vigo, onde a comunidade foi exemplar abrindo o seu uso aos vigueses. Un goce polo que non pagaron nada e por tanto estes beneficiarios deberían agora apoiar economicamente a ese monte. A xente entende que ha de pagar por unha entrada de fútbol e ten que entender que tamén debe facelo por percorrer uns quilómetros de senda que alguén está a manter".

JUAN CARLOS BARRAGÁN: "Cito o PLADIGA: prever a estrutura organizativa e os procedementos para prevención, detección, extinción e investigación de incendios forestais en época de perigo. A palabra prevención dia tres veces. E voume a cando se presentou o PLADIGA deste ano: a conselleira de Medio Rural e o director xeral de Montes dixeron que os obxectivos para este ano eran que non ardesen máis de 15.000 hectáreas e que a totalidade dos lumes non pasasen de 556. Esta fin de semana tivemos 200 e se avaliamos os concellos que arderon, sei de tres ou catro nos que arderon 4.900 hectáreas. É unha cifra que non queren dicir porque debería darlles vergoña e tomar exemplo de Portugal, onde dimitiu a ministra. Dos 173 millóns que se orzaron, 110 destínanse a extinción e 5 a prevención".

"Eu calculo que este ano van arder 74.000 hectáreas. Ninguén valora a perda dos beneficios que supón queimar unha soa hectárea de monte. A perda das madeiras, leñas, froitos, cogomelos, pastos e a caza; a protección do chan, a regulación do réxime hídrico, a purificación do aire, a conservación dos ecosistemas, as compoñentes paisaxísticas e o uso recreativo. Todo ese cálculo queda para o gabinete de estudos da Dirección Xeral de Montes de Santiago".

CLAUDIO QUINTILLÁN: "Nas zonas de onde arrancaron estes grandes incendios antes houbo bastantes pequenos incendios. Miramos ao incendio de Saiar que chegou a Catoira. En ou Val Miñor, que ocorre co incendio de Gondomar que chega a Vigo? o mesmo. O que chega a Cotobade, pasando por Ponte Caldelas, Fornelos, Pazos de Borbén, trae a mesma traxectoria desde Ponteareas; e parte da parroquia de Padróns onde hai unha actividade incendiaria enorme. Alguén terá que responder por que hai unha actividade previa en catro lugares que dan pé a esta catástrofe".

"Hai un problema serio de valorización do territorio, porque de aí veñen moitos males que temos. Se deixamos que cada comunidade de montes decida o que ten que facer, mal facemos aínda que eles fano con boa intención. Fala o PLADIGA de asesoramento, de divulgación, reunión con actores sociais, con gandeiros, con sociedades de caza... que se diga cantas reunións houbo. A administración ten que ofrecer alternativas adaptadas a cada comarca, non pode caer en mans privadas porque entón caemos na especulación e os intereses".

"Súmome ás peticións de dimisión. É necesario un novo equipo que este inverno convoque a todos os axentes sociais a sentar as bases dunha nova política do monte".

MARÍA JOSÉ FUENTES: "Non aprendemos nada desde o ano 2006. Non se investiu o orzamento de prevención e extinción, non se cambiou o modelo do dispositivo de extinción, hai que tomar medidas e hai que esixir responsabilidades porque nos prometeron medidas e non se fixo nada. Coincido en que a conselleira e o director xeral deberían dimitir, porque non só morreron catro persoas e perdéronse moitas propiedades e bens particulares e de todos os galegos, senón que ademais queda patente que aquí non se estivo facendo nada".

"Non só coincidiron os tres 30, coincidiron ademais as tres 'íes': improvisación, imprevisión e incompetencia. Todo constitúe unha neglixencia grave".

ALEJANDRO OLIVEROS: "Non podemos resignarnos a que nos queimen o monte. Hai que atallalo de diversas formas, unha delas a educación. Outra a prevención, o 90% do monte galego está en mans particulares e hai que ter en conta que para ter o monte limpo necesítase diñeiro e non todo se pode pedir á administración.O monte produce moitos valores e é fundamental entender que o monte hai que coidalo e mantelo". 

"Necesítase investigación para evitar aos incendiarios, castigo cando cumpra, educación, prevención, coñecemento e evitar o abandono do monte dando alternativas para que a xente poida vivir do rural".