Un dos trending topics de Twitter esta semana foi #betadine. A povidona yodada, comercializada co nome de Betadine instalábase entre as cuestións máis comentadas na rede social despois de que movementos negacionistas á pandemia promovesen o uso deste produto como protector ante a covid-19.
Rotundamente, este medicamento non é un protector ante o coronavirus. Contamos no podcast 'Mentres isto dure' con Adrián Acuña Ferradanes, vogal de Oficina de Farmacia na xunta de goberno do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra; quen explica que é a povidona yodada, cales son os usos para os que se prescribe e cales son os graves efectos adversos que pode ter utilizala para facer gárgaras ou como aerosol nasal.
Neste último caso, a advertencia incumbe ao Betadine pero non resulta ser unha excepción entre quen se erixe prescritor de protectores ante o coronavirus á marxe das autoridades sanitarias: "coa pandemia apareceron moitos bulos e falsas crenzas e é normal que a xente teña dúbidas. O problema é que poden poñer en risco a saúde das persoas", como é algún dos produtos que sinala en PontevedraViva Radio.
Aproveitamos a asistencia de Adrián Acuña para preguntar pola efectividade preventiva que están a ter os test de antígenos e saliva que levan facendo nas farmacias e que na provicia de Pontevedra supuxeron ata a data detectar máis de 1.800 casos positivos asintomáticos.