RADIO.- Mentres isto dure: Un ano de 'estado de pandemia'

Pontevedra
16 de marzo 2021

O podcast de PontevedraViva Radio fai un repaso ao primeiras noventa e seis horas desde o anuncio do estado de alarma motivado pola pandemia do SARS- CoV-2. Como este xornal dixital contaba o que ocorría entre o 13 e o 16 de marzo de 2020

Luns 16 de marzo, primeiro día laborable de estado de alarma en Pontevedra Diego Torrado

'Decretado o estado de alama en toda España para frear o coronavirus'. 'Os casos confirmados de coronavirus duplícanse nun día e ascenden a once na área sanitaria'. 'Os cinemas súmanse á fervenza de peches de locais de lecer en Pontevedra'. Estes eran tan só tres dos titulares que o 13 de marzo de 2020 PontevedraViva publicaba nunha data que ninguén poderá esquecer e que lembramos nesta edición de 'Mentres isto dure'.

Ao día seguinte, sábado 14 de marzo, coa segunda comparecencia televisiva do titular do Executivo español: 'Histeria colectiva en Pontevedra a pesar de que supermercados e estancos permanecen abertos'. 'A poboación só poderá saír de casa de forma individual, para compras de primeira necesidade, atención médica e traballo'. Os casos confirmados de COVID-19 na área sanitaria eran trece.

O domingo 15 de marzo, os aplausos nos balcóns por múltiples recunchos da capital facíanse oco tamén neste medio dixital. E ao día seguinte 'Primeiro día laborable con estado de alarma: menos xente pola rúa e establecementos con distancia de seguridade', era a proba de lume para o teletraballo e a educación a distancia.

Un ano despois, neste 16 de marzo de 2021 as cifras de persoas contaxiadas, hospitalizadas e falecidas resultarían inverosímiis 365 días antes. En PontevedraViva Radio facemos memoria deste 'ano de estado de pandemia'.