RADIO.- Mentres isto dure: Consellos anti covid-19 chegan ata Sao Paulo

Pontevedra
30 de marzo 2021

O programa 'Mentres isto dure' de PontevedraViva Radio asistiu aos encontros telemáticos que alumnos do Instituto Valle Inclán mantiveron con estudantes do Colexio Español Miguel de Cervantes de Sao Paulo, en Brasil, para explicarlles como se vive aquí a pandemia e como volveron ás aulas

Alumnos do Instituto Valle Inclán durante o intercambio co Colexio Español Miguel de Cervantes Mónica Patxot

Brasil sitúase como segundo país no mundo con maior número de casos de COVID-19 actualmente. Alumnado do Instituto Valle Inclán asistía durante dúas xornadas a varias sesións telemáticas con estudantes do Colexio Español Miguel de Cervantes de Sao Paulo para explicarlles como se viviu a pandemia e como volveron ás aulas neste curso.

Trátase dun centro de titularidade mixta co Goberno español. Nestes encontros virtuais participaron alumnos pontevedreses de segundo de Bacharelato e de noveno curso, correspondente a terceiro de ESO en España.

A actividade correspondía á materia de Análise de Discurso; ademais de completar o currículo desta materia a proposta lectiva pretendía o fomento da solidariedade, ser conscientes da globalización e no caso dos estudantes brasileiros tamén adquirir coñecementos sobre a importancia desta pandemia e asumir medidas de prevención.

Neste primeiro programa - que reproduce dous das catro sesións - participaron como expositores:  Raúl Pereiras Sanmartín, Mario Luis Francisco González, Lucía Álvarez Calvo, Uxía Agís Doce, Néstor Martínez Busto, Germán Pérez Sabarís, Lara Reguera Acuña, Gabriella Gallego de Cassia e Kemilly Gabrielle Cardoso de Santos.

Durante o intercambio telemático, lembraron como discorreu a pandemia desde o inicio do confinamento, as sucesivas ondas coas súas correspondentes restricións, como foi a reincorporación ás aulas; e mesmo como viviron nalgúns casos a enfermidade eles mesmos e as súas familias.