RADIO.- 'Maiores en casa activos', biblioteconomía virtual para a poboación de máis idade

Pontevedra
20 de novembro 2020

Facilitar o acceso virtual a contidos de utilidade e interese entre a poboación de máis idade. Esta é a finalidade do proxecto que emprenderon dúas profesoras universitarias de Biblioteconomía e Documentación e do que nos falan en PontevedraViva Radio

Carmen Gómez Camarero e Viviana Fernández Marcial nas Conversas na Ferrería Pontevedraviva

Carmen Gómez Camarero e Viviana Fernández Marcial son profesoras de Biblioteconomía e Documentación; a primeira na Universidade de Málaga e a segunda na de A Coruña. Ambas son as impulsoras da web Maiores en casa activos. Unha web que serve de directorio de recursos públicos da internet orientado á poboación de máis idade

Isto é, unha web que aglutina e redirixe aos seus usuarios a unha serie de contidos: cultura, deporte, entretemento, espiritualidade, prensa, relacións, saúde e beleza e tecnoloxía. Á súa vez cada un destes oito grupos, ofrece diversas redirecciones sobre cada temática.

Durante o primeiro confinamento domiciliario comezaron a traballar neste proxecto. Unha desde o Rincón de la Victoria e outra desde Pontevedra. A web está operativa desde o mes de xuño e segundo explican en PontevedraViva Radio "está a ter moi boa acollida".

A súa intención é que o proxecto evolucione a unha aplicación virtual (unha app), facelo máis activo e xerar contidos propios; e para iso abriron unha campaña de captación de fondos. Nas Conversas na Ferrería tamén falan da fenda dixital neste sector da poboación; tanto no coñecemento destas tecnoloxías como no acceso das mesmas; máis aínda neste contexto actual.