RADIO.- Maica Larriba: "O Villa de Pitanxo foi horrible; eu nunca vin tan de preto a dor e a desesperación"

Pontevedra
27 de agosto 2023

Despídese do seu cargo como subdelegada do Goberno en Pontevedra, "o culmen da miña carreira", pero faino pensando na súa faceta de docente: "a miña vida foi o ensino". Larriba fai balance en PontevedraViva deste últimos cinco anos, nos que "nunca perdín de vista a miña condición de muller socialista e defensora da igualdade, a xustiza e o avance democrático"  

Maica Larriba fai balance profesional e persoal, con motivo da súa xubilación, en PontevedraViva Mónica Patxot

Maica Larriba (Pontevedra, 1953) dirá a próxima semana adeus ao posto que ocupou durante máis de cinco anos. Deixará o despacho da Subdelegación do Goberno en Pontevedra obrigada pola súa xubilación. Tras cumprir 70 anos e xubilarse oficialmente da súa praza como profesora no instituto A Xunqueira 1, a partir do 31 de agosto xa non poderá seguir sendo subdelegada. 

Mentres  apura xa os seus últimos días como representante do Goberno na provincia, fai balance en PontevedraViva Radio desta etapa tremendamente esixente, que sinala que "foi o culmen da miña carreira", unha afirmación que significa moito para quen leva 35 anos militando nas filas do PSOE e ocupando cargos de responsabilidade a nivel local e autonómico.

Con todo, nesta entrevista na que hai emoción, confesións e palabras de agradecemento para todas as persoas que a acompañaron, non se esquece da súa verdadeira vocación, a docencia. Pisou por primeira vez un instituto o 1 de outubro de 1976 e desde entón, "a miña vida foi o ensino" e "non aprendín de ninguén como dos meus alumnos"

Como profesora de historia e de historia da arte, confesa que "os momentos máis importantes da miña vida vivinos no mundo da docencia, a miña vida foi a vida dun profesor" e, botando a vista atrás, lembra que foi profesora de historia "nun momento no que había tantas ganas de saber que era imposible sentirche con esa ilusión", xusto tras a Ditadura. 

Pensado na súa faceta como subdelegada, cita catro momentos especialmente duros: a pandemia e aqueles primeiros momentos "moi duros" nos que "o risco era perder a vida"; o triplo crime machista de Valga; o accidente de autobús de Noiteboa en Pedre (Cerdedo-Cotobade), que foi "terrible porque o único que podías esperar era atopar cadáveres"; e o naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova. 

"O Villa de Pitanxo Pitanxo foi horrible porque eu nunca vin tan de preto a dor e a desesperación", lembra daquela traxedia de febreiro de 2022 na que, facendo balance, confesa que "eu creo que fun inxustamente tratada", en alusión ás duras críticas das familias dos falecidos. Con todo, recoñece que "era comprensible".

Así, sinala "sentíame moi mal e había cousas que me dicían que non tiñan absolutamente ningunha xustificación, pero "eu dicía: a dor que ten que estar a pasar esta xente, a desesperación de nais, esposas, compañeiros, fillos... Aquilo foi terrible, moi duro moi duro moi duro".

Esta entrevista difundida en PontevedraVivaRadio e reproducida de novo aquí lembra os seus inicios en xuño de 2018, xusto tras a moción de censura que converteu a Pedro Sánchez en Pontevedra, un momento no que "todos eramos conscientes de que había moito que construír e de que podía saír ben ou non", unha "travesía do deserto" que finalmente levou unha dobre cita electoral. 

Pasou por sete eleccións en cinco anos (tres xerais, dous municipais, unhas autonómicas e unhas europeas", tivo catro delegados do Goberno e, para ela, foi todo un descubrimento coñecer todo o que implica a Administración Xeral do Estado, o equipo "extraordinario" que a acompañou, todo o funcionariado e ser consciente do alcance do traballo da Garda Civil, a Policía Nacional e o deserto. 

E, durante todo este tempo, considera que "nunca perdín de vista a miña condición de muller socialista e defensora da igualdade, a xustiza e o avance democrático".

Para esta nova etapa, vai poder "atender á miña familia", aos seus amigos e ao pequeno Mario, o seu neto de 6 anos, "o amor da miña vida neste momento". Tamén continuará en política como secretaria local do PSOE. 

A entrevista completa pode escoitarse na ligazón adxunta e tamén está dispoñible para descargar desde a web de PontevedraViva Radio.