RADIO.- "Hai concellos que nos din que sae máis rendible dar unha axuda a unha persoa en paro que un traballo"

Pontevedra
02 de agosto 2019

Aproximadamente un terzo da poboación sen emprego en España supera os 45 anos. Falamos en PontevedraViva Radio dos 'parados senior' con varios portavoces da AVP, a Asociación de Vítimas do Paro

Representantes da AVP nas Conversas na Ferrería Cristina Saiz

Dos tres millóns aproximadamente de parados que contabiliza o Ministerio de Traballo, ao redor dun millón son maiores de 45 anos. Desde hai seis anos a Asociación de Vítimas do Paro trata de achegar propostas e realiza xestións ante Administracións e formacións políticas para reincorporar ao mercado laboral a esta poboación de 'parados senior'.

No estudo de PontevedraViva Radio contamos con Vicente Vázquez, coordinador en Galicia da área de bioeconomía na AVP e con Francisco Silva, outro dos seus asociados. Vía telefónica tamén participa Joaquín García, presidente do colectivo, quen sinala que unha das consecuenciasda última crise económica en España foi "a precarización do mercado laboral que agravou as posibiidades de reincorporación a un posto de traballo".

Tras este tempo de actividade do colectivo, o optimismo non impera xa que "o que falla é a vontade política para buscar solucións" di Joaquín, máxime nunha conxuntura como a actual cun Goberno en funcións. Mesmo afirma que falando "con concellos dinnos que sae máis rendible dar unha axuda a unha persoa en paro, que darlle un traballo". 

Durante estas Conversas na Ferrería Vicente Vázquez explica as xestións que están a realizar en Galicia desde o colectivo e que pasan por "defender o potencial da bioeconomía, isto é: diversificación forestal produtiva, agricultura ecolóxica, economía circular ou acuicultura de proximidade para persoas con baixa, media e alta cualificación" unha bioeconomía que se está aplicando noutros países europeos.

Por iso, como engade Francisco demanda das Administracións que "xestionen os recursos económicos procedentes dos impostos para que retornen ás empresas e aos emprendedores".