RADIO.- Falamos das cores, olores e sabores do outono turístico en Pontevedra

Pontevedra
24 de outubro 2021

O outono achega olores, cores e sabores que a actividade turística aproveita e que no caso de Pontevedra, manteñen, recuperan e incorporan propostas das que falamos en PontevedraViva Radio coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco

Yoya Blanco é concelleira de Promoción Económica e Turismo en Pontevedra PSdG-PSOE

O outono ten as súas cores, sabores e olores en Pontevedra, estes sentidos pódense gozar non soamente cos propios recursos paisaxísticos e patrimoniais da capital, senón tamén coas propostas que promove Turismo de Pontevedra e Visit Pontevedra

De forma xenérica, neste primeiro podcast de PontevedraViva Radio, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, tráenos avances, propostas e algúns datos que falan do turismo na cidade do Lérez nesta estación do ano. Un exemplo son os gratos resultados que esta recente ponte do Pilar deixou para o sector en xeral e Pontevedra en particular: "era unha evidencia polo número de persoas que realizaron as visitas guiadas, ou como estaban as terrazas da hostalería; axudado ademais pola meteoroloxía que houbo".

Precisamente as visitas guiadas son unha oferta que este mes está a ter unha intensa actividade "notamos que o turismo internacional aumentou, vas paseando pola cidade e xa escoitas de novo outros idiomas". Outro elemento que apunta a concelleira socialista son os peregrinos que "deixan claro que Pontevedra é capital do Camiño Portugués".

Gozar dos espazos naturais no outono é outra proposta que ofrece Pontevedra: "cada vez que se organiza unha actividade deste tipo en horas acábanse as prazas". Un exemplo foron os paseos por embarcacións tradicionais cuxa demanda fai que a Concellería contemple "darlles continuidade"; do mesmo xeito que as visitas nocturnas polas pontes da cidade.

E cambiando de goces sensoriais, os sabores van ter o seu protagonismo con próximos eventos previstos como será Pontedetapas o vindeiro novembro, máis Etiqueta Negra no mes de decembro, que tiveron que manterse en suspensión ou limitados pola pandemia e un novo evento como será Mestizaxes.