RADIO.- Falamos da vacinación covid-19 para menores coa Sociedade de Pediatría de Galicia

Pontevedra
11 de maio 2021

A priori o laboratorio de Pfizer volverá ser o primeiro en obter autorización para que a poboación menor de idade sexa vacinada contra a covid-19 con 'Comirnaty'. Charlamos en PontevedraViva Radio sobre a enfermidade e a vacinación con dous portavoces da Sociedade de Pediatría de Galicia, pertencentes a esta área sanitaria

Raquel Martínez e Pilar Crespo, vogal e secretaria da Sociedade de Pediatría de Galicia Mónica Patxot

Para esta edición de 'Mentres isto dure' poñemos a atención nos menores ante as vacinas e a enfermidade da covid-19. Contamos con Raquel Martínez e Pilar Crespo, vogal e secretaria da Sociedade de Pediatría de Galicia. En canto á vacinación da poboación que incumbe a Pediatría, as previsións aínda son a longo prazo xa que, polo momento, estase pendente dos resultados dos ensaios clínicos.

O máis avanzado - e que reportará novidades en breve - corresponde a Pfizer. As previsións levan a que a poboación entre 12 e 15 anos - nun escenario optimista - poderían empezar a vacinarse a partir do último trimestre deste ano; pero de 11 cara abaixo non antes de 2022.

Unha vez aprobada que vacina ou vacinas se inoculen "o correcto, entendemos, sería empezar polos de maior idade, que son os de maior risco e os que teñen características máis similares aos adultos e nos que se ve que a eficacia é algo maior e os efectos secundarios similiares; e despois estudar máis aos máis pequenos porque pode variar a dose e o intervalo de vacinación", explican. Con todo, a conxuntura é absolutamente variable e dependente da tesitura pandémica.

No podcast de PontevedraViva Radio falamos da enfermidade nestas idades e indican que "vemos menos afectados. Os máis pequenos presentan cadros máis leves ou asintomáticos e contaxian igual ou menos que os maiores". Nesta área sanitaria "tivemos moi poucos nenos ingresados e ningún foi grave"; falan referíndose a menores de cero a catorce anos. O que non se detectou é ningún caso de síndrome inflamatorio multisistémico pediátrico asociado ao SARS- CoV2, que foi motivo o pasado abril dun encontro dixital na Sociedade de Pediatría de Galicia.

Outra evidencia que expoñen é que as medidas de hixiene, protección e illamento consecuencias da pandemia supuxeron que tivesen que atender "moitas menos patoloxías en Pediatría estes trece meses. As bronquiolitis dos lactantes, por exemplo, este ano foron anecdóticas".