RADIO.- "Etiqueta Negra vai sorprender ata os padais máis esixentes"

Pontevedra
05 de decembro 2021

O gourmet galego de Etiqueta Negra pecha o calendario anual das citas gastronómicas en Pontevedra. Falamos en PontevedraViva Radio desta feira con organizadores e produtores participantes

Organización e productores participantes falan en PontevedraViva Radio de Etiqueta Negra 2021 Mónica Patxot

Achégase a que será a última gran cita gastronómica do ano en Pontevedra. A quinta edición de Etiqueta Negra abrirá os dias 10, 11 e 12 deste mes no Recinto Feiral. Falamos en PontevedraViva Radio coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; Vanesa López Chousa, que forma parte da organización da feira; Mercedes Murga Massetti emprendedora co espazo gastronómico Via Nai e participante na feira; do mesmo xeito que Gonzalo Rodríguez Acuña, do Club do Café, barista e produtor e que fará a súa cuarta participación en Etiqueta Negra.

Tras a suspensión da edición de 2020 debido á conxuntura pandémica, este ano a organización volve con todas, como apunta Vanesa: "o ano pasado fixemos varios plans para ver se se podía facer algo máis reducido pero Etiqueta Negra é unha feira para degustar, é unha cita gourmet, para comer e beber e hai que degustala". Nesta ocasión "xa que volvemos, queremos que o público a poida gozar coas mesmas ganas de anos anteriores, - mantendo os requisitos que esixe a situación sanitaria -".

É unha convocatoria na que ademais se contacta e negocia entre os expositores participantes que para este 2021 superarán o centenar. Gonzalo que xa ten experiencia en participación expón que reporta mostrarse nesta feira: "este ano serviranos como escaparate para mostrar a nosa nova liña de negocio. Ademais o punto forte é o contacto entre produtor e consumidor e tamén porque entre os primeiros nutrímonos e aprendemos uns doutros". De feito xéranse sinerxias entre eles que dan lugar a novos produtos gourmet, que tamén van estar presentes nesta edición.

Mercedes, que coñecía a feira como público di que "nunca pensamos que puidésemos estar do outro lado, participando como expositores. Estamos a desexar que comece e poder reunirnos con consumidores, produtores e colaboradores". Ademais deses cen produtores de toda a xeografía galega, ofrécense actividades diversas a cargo dos profesionais participantes, produtores e chefs.

Etiqueta Negrason máis que tres días de feira porque se xeran contactos e proxectos que se desenvolven logo durante o resto de ano. Mostra diso son produtos que estarán presentes: repostería artesá, xeados, licores, vermuts, caracois, conservas, micro brotes, embutidos, pizzas feitas con algas, salgaduras, etc ... "ata os padais máis exquisitos van sorprender" advirte Vanesa.

Os tres días de apertura están dirixidos a profesionais como público en xeral. Terá horario continuado de 11.00 horas a 21.00 horas, a excepción do domingo que pecha ás 20.00 horas.