RADIO.- Conversas na Ferrería: Preparando a 33ª Campaña Antártica co Exército de Terra

Pontevedra
27 de setembro 2019

A comezos de decembro partirá cara Illa Decepción, na Antártida, o contixente que forma a 33ª Campaña Antártica do Exército de Terra. Charlamos con algúns dos seus integrantes en PontevedraViva Radio

Membros do Exército de Terra que participarán na 33ª Campaña Antártica en PontevedraViva Radio PontevedraViva

O Exército de Terra completou este mes de setembro por quinto ano consecutivo, no Grove, a fase de prácticas de navegación previas á Campaña Antártica 2019-20. Durante a súa estancia nas Rías Baixas, membros do continxente que viaxará a Isla Decepción acompañáronnos de novo en PontevedraViva Radio.

Charlamos co comandante Joaquín Núñez, xefe desta campaña que partirá aproximadamente o 5 decembro; coa capitá veterinaria Marina Sánchez e co sarxento primeiro Tomás Zamora, da área de Instalacións. Para os dous primeiros será a súa primeira participación, mentres que para o sarxento será a segunda. Tamén está presente o comandante da Brilat, Roberto Domínguez.

Nesta trixésimo terceira campaña do Ministerio de Defensa, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, participan trece militares que prestarán apoio aos investigadores que desenvolven alí os seus proxectos científicos. Proxectos que por exemplo evidencian os cambios climáticos, como a temperatura do permafrost - o chan que permanece conxelado -, ou a migración dos pingüíns.

"É algo que custa crer - sinalan nestas Conversas na Ferrería - pero o que se fai medioambientalmente en Pontevedra tamén afecta á Antártida".

Para iso, a Campaña Antártica tamén desenvolve un intenso labor de divulgación. Conferencias en colexios e videoconferencias desde a base Gabriel de Castilla adaptadas aos cursos e materia concreta que interese aos mesmos. Na pasada campaña realizáronse máis de 120. Igualmente, unha edición máis abrirase a campaña de apadriñamento de pingüíns.