RADIO.- Conversas na Ferrería: Parabéns ao CEIP Carballal de Marín!

Pontevedra
27 de outubro 2017

O CEIP O Carballal de Marín leva un 2017 de subidón. Os premios e seleccións naqueles concursos e certames aos que se presentan, acumúlanse. Tras o que vimos e escoitamos nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio non é de estrañar. A filosofía de aprendizaxe e a motivación que o profesorado traslada aos escolares son as fórmulas do éxito. Grazas e parabéns!

Unha representación do CEIP O Carballal compartiron as Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio PontevedraViva

Os protagonistas destas Conversas na Ferrería son alumnos do CEIP do Carballal de Marín, que esta mesma semana realizaron unha intensa visita á Real Academia Galega para recibir o premio conseguido co "Casares ton".

O centro presentouse á primeira edición do concurso "Contádenos o voso Día das Letras" realizando un videoclip e unha curta baseada no poema "Amemos" de Carlos Casares. A profesora de Educación Física, Paloma Pazos, encargouse de deseñar unha coreografía e o profesor de música Víctor Alfonso Castro compuxo a melodía usando ritmos de reggaeton. 

Antes da citada recepción na RAG contamos nos estudos de PontevedraViva Radio coa directora do centro, Maite Méndez e o profesor de Música, Víctor Castro. Con eles e seis destes alumnos, que cursan quinto e sexto curso: Noa Lubián, Hernán Penas, Iago Villanueva, Anxo Recamán, Telma Solla e Sara García.

Non era a primeira vez que musicaban un poema, o ano pasado xa o fixeron con Manuel María, "así que este ano tentamos seguir na mesma liña, pero dando unha volta de tuerca e implicando a toda a comunidade educativa", comenta Víctor. Estiveron uns dous meses preparando o proxecto. O baile, din os rapaces que non lles custou moito e aprender a canción  "non foi complicado pero tampouco fácil".

Os catro anos que levan traballando no Obradoiro de Audiovisuais está a ter resultados moi exitosos. Este premio da RAG é un dos múltiples que O Carballal está a conseguir: este ano viaxaron a Madrid para recibir un premio no Festival eMove polos vídeos "O cole que queremos" e de novo o "Casares ton". Con outro traballo, "Ou monstro de cores" levaron un premio Videoghit convocado polo IES de Silleda Pintor Comeiro. E este mesmo 24 de outubro acudiron a Ourense ao certame de cinema OUFF Escola, no que quedaran finalistas con varios vídeos.

"Non queremos que o éxito non se nos suba á cabeza. O obxectivo de participar nestas convocatorias é que nos sirva para seguir traballando e para que os nenos gocen de experiencias novas", indica Maite Méndez.

A fórmula de tanto recoñecemento é evidente: a ilusión e interese que o profesorado conseguiu transmitir aos alumnos. A directora do centro o compendia así: "somos un centro vivo. Partimos de actividades motivadoras para que os rapaces aprendan dunha forma diferente. Entendemos que a memorística ten moita importancia, pero en realidade teñen que saír preparados para a vida, para ser capaces de resolver os problemas que van xurdindo sen conflito e sen frustración".

Basta botar unha ollada ao blogue O recuncho de Tambo para comprobar que o que nos contaron é tal cal o contaron.