RADIO.- Conversas na Ferrería: Imos a degustar Etiqueta Negra

Pontevedra
09 de novembro 2018

A Feira Gastronómica do gourmet galego e a innovación Etiqueta Negra está a piques de comezar coa súa terceira edición en Pontevedra. Nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio avanzamos con organizadores e participantes o que está por vir

Organizadores, promotores e participantes de Etiqueta Negra nas Conversas na Ferrería Mónica Patxot

Dedicamos estas Conversas na Ferrería á terceira edición de Etiqueta Negra, a Feira Gastronómica do gourmet galego e a innovación. Promovida polo Concello de Pontevedra desenvólvese entre o 10 e o 12 de novembro non Recinto Feiral. Participan neste faladoiro Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica; Rómulo Mendoza, un dous chefs máis novos de Ciudad de México; Vanesa López Chousa parte organizadora do evento; e Óscar Torres, responsable de comunicación da empresa Orballo, participante na feira como expositor.

As expectativas de resultados seguen á alza. Nesta edición, a terceira de Etiqueta Negra, o espazo expositivo do Recinto Feiral incrementouse, o que evidencia "a potencialidade do sector en Galicia" como sinala a concelleira. "Para min é unha oportunidade moi importante porque podo probar todos os produtos galegos nun só lugar, sabendo que son ademais de excelente calidade", ratifica Rómulo.

Desde o mes de abril trabállase na organización deste evento onde "os produtos teñen unha calidade enorme, pero en ocasións non se coñecen en todos os mercados; de forma que contar con chefs como os que participan traballando con estes produtos, serven de aprendizaxe e inspiración para profesionais e non profesionais", engade Vanesa.

As sinerxias que se crean en Etiqueta Negra evidenciáronse neste programa dePontevedraViva Radio. Óscar falou da investigación e innovación que desenvolven en Orballo cos seus productos ecolóxicos: tés, infusións, arroces, especias e herbas aromáticas e apuntaba como exemplos o té, o tomiño, a mejorana, ou a malva. Rómulo rapidamente colleu a luva e avanzaba "xa con isto que acaba de dicir, xa se me ocorren algunhas liñas nas que podemos traballar nós". 

As portas ábrense en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas, con propostas  contínuas para profesionais e público en xeral. "Unha feira para degustala".