Chega a semana da burla, a retranca, a máscara, da festa. Entramos no entroido e PontevedraViva Radio mira cara a estas citas festivas e os seus protagonistas. Florencio Chantrero e Rosa Filgueira son membros da Asociación Recreativa de Xeve, colectivo que este venres 21 encargarase de ofrecer o pregón. Nesta primeira convocatoria do entroido tamén estará Amoriños de Bora para recibir unha homenaxe ante o que será o seu último ano como comparsa. Nas Conversas na Ferrería acompáñannos Manolo e Borja Corbacho e Nuria Paz.
Comparten nestes micrófonos os seus preparativos, un longo período durante o que eles xa viven o seu entroido. Os preliminares deste están a vivilo con máis intensidade; en Xeve gardan a misión pregoeira coa pertinente reserva, do mesmo xeito que preservan a reiterada pregunta que todos nos facemos por estas datas: que disfrace elixiría Ravachol para gozar destas festas?; eles sábeno, ao resto podemos dicir unicamente que nin engordou nin creceu, "leva o mesmo tipo de alimentación así que segue igual".
En Bora, prepáranse para vivir estes días festivos con moita emotividade; a comparsa despídese despois de 30 anos, e xa como comentan neste programa, non hai outros cinco anos de prórroga como a última vez. Terán que ver se para próximas edicións concorren a algún dos eventos como as charangas ou a mostra da parodia, pero a comparsa na que creceron por exemplo Nuria ou Borja, fará os seus últimos desfiles este 2020.