RADIO.- Como son cen días no cráter dun volcán na Antártida?

Pontevedra
15 de setembro 2017

Illa Decepción forma parte do arquipélago das Shetland do Sur, a cen quilómetros da Antártida. É o cráter dun volcán emerxido. Os ventos alcanzan 120 quilómetros por hora e a sensación térmica 25 graos baixo cero. Cara alí partirán en novembro, a bordo do buque "Hespérides" da Armada, os militares e investigadores que conforman a 31 Campaña Antártica Española

Tres dos militares que irán á Antártida participan nestas Conversas na Ferrería Mónica Patxot

A Campaña Antártica está dirixida polo Ministerio de Industria. De acordo aos tratados internacionais en vigor desenvólvense proxectos de investigación científica que contan co apoio do Exército de Terra. Estes militares xestionan as dúas bases científicas de Illa Decepción: a Juan Carlos I e a Gabriel de Castela; serven de apoio aos científicos alí desprazados nas súas investigacións e serven de difusión da súa presenza e actividade na Antártida.

O 18 de novembro está previsto que parta o buque "Hespérides" da Armada cara a Illa Decepción. Atópase a cen quilómetros da Antártida. É o cráter dun volcán emerxido. Os ventos alcanzan 120 quilómetros por hora e a sensación térmica os 25 graos baixo cero. Alí permanecerán durante uns catro meses participando nesta 31 Campaña Antártica, a operación exterior máis antiga do Exército de Terra.

Trece son os militares que compoñen este continxente militar. Durante a campaña ocupan un posto específico correspondente á súa especialidade. Son moitos os voluntarios que se presentan, de forma que previamente faise unha selección.

Nesta ocasión, dous repetirán experiencia. Un deles, o comandante Valentín Beneitez, jefe da Campaña Antártica, dinos que é unha misión moi atractiva. É pai de familia numerosa e a súa muller tamén é militar: "os nenos están afeitos xa a vernos compatibilzar coidado familliar sen o outro. A diferenza doutras misións, dígolles que me vou catro meses a vivir cos pingüíns e están encantados".

A capitán Pilar Lisbona é a responsable da área de medio ambiente na campaña. Coñece Illa Decepción pola experiencia do seu pai e en canto á ausencia, "os meus pais xa están afeitos a que participe en misións internacionais". Cóntanos nestas Conversas na Ferrería que dado que estarán nun hábitat tremendamente protexido recibiu uns cursos para desenvolver a misión adecuadamente. "Para esta campaña o Exército de Terra dá outro paso e ademais de cumprir o Tratado Antártico quixo levar alí o noso Sistema de Xestión Ambiental - certificado por Aenor -, e que tamén se nos certifique".

Un dos militares galegos na campaña é Antonio Donis, xefe de Comunicacións da mesma e especialista en telecomunicacións. Casado e con tres fillos afirma que é duro estar fora pero "esta é unha misión gratificante. É un soño feito realidade. Algo totalmente diferente a outras misións como Irán ou Afganistán". Polas súas mans pasaron o ano pasado o 15 mil fotografas cos seus correspondentes diplomas de apadriñamento de pingüíns. Unha das iniciativas que estes militares realizan para difundir o seu labor na Antártida e que ademais os escolares poden coñecer a través de videoconferencias.   

E en canto aos proxectos de investigación, son seleccionados polo Ministerio. Como apuntan neste programa de PontevedraViva RadioUniversidade de Vigo repetirá experiencia. Dado que Decepción é un volcán, participarán vulcanólogos da Universidade de Granada e sismólogos da Universidade de Cádiz. Estudarase o xeo que hai baixo a illa xa que é fundamental para coñecer o cambio climático. Irán biólogos que analizan as novas especies descubertas tras as erupciones volcánicas de 1970 e que poden contribuír ao descubrimento de novos fármacos.