RADIO.- Coidar a túa alimentación é a mellor medicina preventiva

Pontevedra
26 de decembro 2023

O doutor Mario Alonso Puig publica 'El camino del despertar', un título de autodescubrimiento e de axuda para superarse. Acompáñanos en PontevedraViva Radio para falar do que transmitiu neste título

Mario Alonso Puig é médico, comunicador e autor de doce libros Espasa

Mario Alonso Puig conta cun amplísimo currículo. É médico, especialista en cirurxía xeral e dixestiva, está formado en medicina mente-corpo, é coacher sistémico, imparte charlas sobre liderado, xestión de incerteza, estrés, creatividade, comunicación, saúde, benestar e felicidade. Ademais de recibir diversos galardóns é autor de doce libros.

Acompáñanos no podcast 'Cara a cara' para falar do último, 'El camino del despertar'. Un libro "de autocoñecemento e de axuda para superarse"; autocoñecemento e axuda para favorecer a saúde física, mental e afectiva.

Unha das chamadas de atención deste novo título recae no tubo dixestivo, que afirma o doutor Alonso "está infravalorado", engadindo que desde o campo da Neurociencia "é un cerebro en si. E é a porta de entrada da maior parte das enfermidades que o ser humano coñece". Coidar o tubo dixestivo supón poder reducir a incidencia de enfermidades cardiovasculares, de enfermidades neurodexenerativas como o Párkinson ou o Alzheimer e tamén de cancro, depresión ou ansiedade.

Se a alimentación é unha medicina preventiva, tamén o é a meditación: "a quietude mental é unha necesidade como comer, beber e durmir. Mellora o intestino ou os cadros autoinmunes porque está relacionada coa activación do nervio vago que é un protector natural do tubo dixestivo", sinala incidindo nesa conexión entre mente e corpo.

Conexión que tamén leva a coidar como nos falamos e como falamos aos demais: "as palabras son como as cereixas, van de dúas en dúas. As palabras convértense en imaxes e estas en sensacións. Se lle dis a un neno: fixeches unha torpeza, é moi diferente a se lle dis: es un torpe. Con esta última, de forma inconsciente seguirá cometendo torpezas".

O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e desde a web de PontevedraViva Radio pódese escoitar e descargar.