RADIO.- Chegamos aos 200 programas das 'Conversas na Ferrería" cos alumnos do CEIP Praza de Barcelos

Pontevedra
09 de decembro 2021

Damos visibilidade á segunda das visitas que realizaron alumnos do CEIP Praza de Barcelos a PontevedraViva e PontevedraViva Radio. Esta vez os protagonistas foron alumnos de sexto curso que tamén gravaron o seu podcast

Alumnos de sexto curso do CEIP Praza de Barcelos en PontevedraViva máis PontevedraViva Radio PontevedraViva

O alumnado do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos de Pontevedra volve ser noticia, completando as dúas xornadas en que tiveron ocasión de coñecer que é o xornalismo a través do traballo diario en PontevedraViva e PontevedraViva Radio. Tras unha primeira xornada en que nos visitaron alumnos de quinto curso, na seguinte, a quenda correspondeu aos estudantes de sexto curso de Primaria.

Ambos os niveis participaron este curso por primeira vez nun proxecto de excelencia académica da Xunta de Galicia que lles achegou aos medios de comunicación. Divididos en grupos, Óskar Viéitez non só lles deu conta da dinámica de traballo, tamén expuxo e respondeu as preguntas dos invitados, como: "tedes que contrastar todas as noticias?", "ademais de xornalistas, tedes que ser tamén relacións públicas?", "como chegades aos accidentes?", "págavos o Goberno?", "sodes tantos mozos como mozas?".

Seguidamente, tiveron oportunidade de coñecer un estudo de radio e gravar un podcast cos temas que prepararan previamente no colexio. Así, no programa número 200 das 'Conversas na Ferrería' os seus protagonistas falaron de animais en perigo de extinción, caso de Martín Carballal ou de adopción de animais que expuxo Iván Chafer. Víctor Manuel Lastra puxo a atención no cambio climático. A achega histórica trouxérona Antón Muras e Ignacio Maceiras falando da Roma clásica e Adrián Rosendo xunto a Teo Garnelo que recuperaron a consecución do voto feminino en España.

Atopámonos cuns grupos concienciados ante problemas sociais que lle incumben directamente como o Día Mundial da Infancia do que falou Pablo Coll; o acoso escolar, do que se ocuparon Raysa Almeida, Silvia Couto e Esperanza Díaz; a violencia de xénero que expuxo Iker Andrés; ou o uso das novas tecnoloxías que abordou Yago Merca.

De igual forma, achegáronnos consellos diversos: Sabela Costas sobre técnicas de estudo; a campaña de vacinación contra a gripe con Ruth Delafuente; ou que visitas interesantes poden facerse por Pontevedra e das que exerceron de cicerones Jasmine Hasmik, Yurema Barreiro e Rodrigo Mouriño. Ata consellos publicitarios deixáronnos ante os micrófonos e cuxos encargados foron Mat Pérez e Raúl Oubiña. Matías Millán exerceu de locutor gamer e trouxo unha listaxe dos cinco videoxogos máis populares.