RADIO.- Cara a cara: Manuel debuxa, Moldes contesta

Pontevedra
24 de agosto 2017

Manuel Moldes expón ata o 17 de setembro "Pontevedra suite" no Sexto Edificio do Museo. Unha mostra que chegou a emocionarlle na súa inauguración polos amigos e coñecidos que se deron cita e coa que afirma sentirse moi contento. De feito, a exposición trastornou o seu ritmo habitual, como di neste Cara a cara de PontevedraViva Radio e este mes tomouno "de menos pintar e máis falar coa xente"

O pintor Manuel Moldes no Cara a cara de PontevedraViva Radio Cristina Saiz

A exposición"Pontevedra suite" sérvenos de escusa para falar co pintor pontevedrés Manuel Moldes. Preguntamos ao académico da Real Academia Galega de Belas Artes, crítico en certa medida co que a institución pode e déixanlle facer. Ao artista do Grupo Atlántica, do que garda boas amizades e non sabería dicir se algunha inimizade. Esa década dos 80 que aglutina esta mostra compendia unha etapa prolífica persoalmente e tamén na arte. "Foi no 85 cando eu empecei a vender cadros", lembra.

Fala tamén o profesor da Facultade de Belas Artes sobre os seus alumnos e das posibilidades e dificultades que "esta sociedade tan complexa" repórtalles. E o Manuel Moldes que con hartazgo político e social apoiou a candidatura de Marea Pontevedra nas eleccións municipais de 2015. Bota en falta o coñecemento, a educación, como alicerce de calquera país.

Lembramos a súa traxectoria artística con capítulos incomprensibles para algunha que outra das súas obras como o "Cristo das Rías Baixas". Un crucificado espido nunha cruz investida que fixo correr moita tinta entre a Igrexa reaccionaria e os seus afíns, alá polos oitenta. Quizá sexa a pintura que máis visitas acumulou estando oculta, en lugar de exposta na convocatoria para a que creou. Un cadro que a día de hoxe conserva sen vender.

Mentres mantén este Cara a cara en PontevedraViva Radio, non pode deixar de debuxar nun caderno. Un lapis que ademais de conformar esbozos identificativos do pintor, tamén parece abrir e pechar a billa das súas palabras.

"Cando fago unha entrevista procuro ter diante un papel e un lapis. Non podo deixar de pintar, isto da pintura é algo enfermizo e eu estou algo enfermiño de pintura. Espero non matar a ninguén nin que me maten a min", conclúe cunha gargallada.