RADIO.- Cara a cara con Mario Diz: "É moi ilusionante para min estrear na miña cidade"

Pontevedra
05 de abril 2018

Mario Diz, ademais de pontevedrés é músico, compositor e director da Orquestra da Universidade de Santiago. Este venres 6 de abril estrea na súa cidade o conto musicado "Catrina y Doña Francisca" acompañado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Fálanos da súa traxectoria e deste proxecto en PontevedraViva Radio

O músico Mario Diz no Cara a cara de PontevedraViva Radio Sara López Lago

O Salón de Libro Infantil e Xuvenil ofrece este venres 6 de abril un conto musicado titulado "Catrina y Doña Francisca". A interpretación correrá a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis; e a narración por Paula Carballeira. Falta neste elenco o creador do devandito proxecto: Mario Diz, un pontevedrés ilusionado polo feito de estrear na súa cidade.

Reside na capital galega, onde é director da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela e forma parte do equipo directivo da Escola Municipal de Música de Santiago. Conta cunha ampla formación e profesionalmente tivo experiencia coa Sinfónica de Galicia. Como músico e compositor ten unha clara vocación didáctica, que dirixe en boa medida ao público infantil. Exemplos diso son a recente publicación "O meu primeiro violín" ou a suite de nanas "Todos os niiños soñan".

Ademais da "importante carga emocional" como di no Cara a cara de PontevedraViva Radio, para Mario Diz este conto musicado achegoulle a unha música de raíz, como é a mexicana; a unha figura tan identificativa da iconografía recente daquel país como é a katrina e completa o círculo co mestre Romero Llopis ao que coñece ben e con outra pontevedresa como Paula Carballeira. A estrea será ás seis da tarde no Pazo da Cultura e a entrada é libre.