RADIO.- Buscas emprego? Necesítanse profesores de autoescolas xa!

Pontevedra
04 de febreiro 2021

Mentres a Asociación Provincial de Autoescolas fai pública a necesidade de profesores, este venres 5 de febreiro conclúe o prazo para obter o Certificado de Aptitude de Profesor de Formación Viaria cos actuais requisitos. En  PontevedraViva Radio explicamos tamén as novidades formativas

Alumno de autoescola nunha clase práctica Mónica Patxot

O podcast 'Cara a cara' deixa esta vez tres máximas: ser profesor de autoescola é unha opción laboral que está a requirir un importante número de incorporacións inmediatas; de forma inminente conclúe o prazo para optar á formación que solicita Tráfico para ser profesor de formación viaria; e vaise a producir un cambio importante nesta formación.

No que respecta á oferta laboral: "temos unha carencia enorme de profesores de formación viario e non somos capaces de cubrila. Se no verán tivese dez persoas, contrataría ás dez e igual que eu o resto de autoescolas de Galicia e de España", apunta Andrés Bugallo, secretario da Asociación Provincial de Autoescolas.

Ademais, "dentro da falta de profesores que temos, no caso de camións ou autobuses aínda é maior" polo que facía en PontevedraViva Radio unha chamada a estes profesionais do volante, que dados os efectos económicos da pandemia, poidan pensar nesta alternativa. Outro engadido e atractivo a esta saída laboral é que o convenio profesional tamén cambiará este ano e conlevará un incremento salarial, que estima, roldará os 1.400 euros mensuais. 

Agora a formación está xestionada por Tráfico e coa nova normativa pasará ao Ministerio de Educación; é dicir unha formación regrada de ano e medio ou dous anos aproximadamente. "A diferenza despois de febreiro vai estar no tempo que se vai a necesitar para obter esta formación" e doutra parte introducirase "por fin unha profesionalización do noso título porque desde logo sairán mellor preparados e abrirá máis portas".

Quen queira realizar o curso e obter o Cerfificado deben darse présa porque o prazo conclúe este venres 5 de febreiro. Débese ter título de ESO ou equivalente, dispoñer de permiso de condución B cunha antigüidade mínima de dous anos e superar un psicotécnico. A instancia de solicitude na DGT pode facerse telemática ou presencialmente - previa solicitude de cita -. O curso consta de parte teórica e práctica durante aproximadamente dous meses e medio.