RADIO.-"Atopouse unha carta onde Víctor Moldes Carro conta o que realmente lle ocorreu"

Pontevedra
25 de novembro 2016

No mes da memoria histórica, o programa Do gris ao violeta de PontevedraViva Radio ocúpase da "Pontevedra obreira e agrarista" da década dos 30. Un movemento sindical, político e asociativo vinculado a nomes como o dos irmáns Gama Casalderrey, García Filgueira, Víctor Moldes...entre outros. O historiador Xosé Álvarez fala deles e daquel momento.

Xosé Álvarez Castro, historiador. Mónica Patxot

Mediada a década dos 30, Pontevedra contaba cunha intensa actividade sindical, obreira e agraria, auspiciada baixo os paraugas do socialismo, o comunismo ou o anarquismo. Unha militancia que tivo nomes como os irmáns Manuel, Alejandro e Faustino Gama Casalderrey; Manuel, Joaquín e Ramón Martínez Vázquez, Manuel García Filgueira, Pastor Torres Paz, José Gallego Acuña, Víctor Moldes Carro, Ricardo Fariña Torres, Eugenio Urtaza, Manuel Buján, Julio Rey ou Emilio Villar.

Son nomes que co golpe do 36 e durante os anos 40 sufriron un especial ensañamento ou persecución; por ser sindicalistas, como sucedeu contra os mestres.

O historiador Xosé Alvarez Castro, recupera neste programa de PontevedraViva Radio, as súas traxectorias. Algunhas seguen reportando feitos descoñecidos, como no caso de Víctor Moldes CarroEra natural de Campañó, pero viviu en Lérez e tiña un comercio de alimentación nas Cinco Rúas. Foi presidente da Federación Agraria Comarcal. Tivo que fuxir co golpe do 36.

"Posiblemente axudoulle a esconderse don Leandro, o cura de Lérez. Ata agora criamos que fora detido pola Garda Cívica; pero descubrimos que foi unha entrega pactada a Víctor Lis. A cambio dunha importante cantidade de diñeiro, que se entregaría como donativo, garantíaselle que non o matarían. Isto non foi así, porque se lle fixo un consello de guerra, condénaselle á morte e fora fusilado en Monte Porreiro en abril do 37. Porqué sabemos isto?, porque hai pouco atopei nos arquivos militares documentación onde o propio Víctor Moldes conta o que lle pasou nunha carta realmente estremecedora".