RADIO.- As Conversas na Ferrería chequean o sector taurino nesta situación pandémica

Pontevedra
07 de agosto 2020

Este será un agosto sen a feira taurina da Peregrina, pero as Conversas na Ferrería de PontevedraViva miran ao sector e chequean con varios interlocutores as súas opinións, situación e perspectivas

Nas Conversas na Ferrería falamos co sector taurino sobre a repercusión da COVID19 PontevedraViva

A COVID19 leva por diante a tempada taurina en España e con esta, a habitual feira da Peregrina no mes de agosto. Non hai touros este ano en Pontevedra, pero as Conversas na Ferrería manteñen os seus habituais faladoiros taurinos que nesta ocasión  chequean a situación que vive o sector con varios interlocutores. Con eles e no estudo de PontevedraViva Radio, - reducimos tamén aforo - contamos con Raúl Martínez, afeccionado e membro da Peña Miuras e con Juan Riveiro, afeccionado e presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra.

Pasan por estes micrófonos Eduardo Lozano, empresario, gandeiro e apoderado, ademais de xestor da feira taurina da Peregrina. Explica as razóns que levaron a suspender a cita pontevedresa. Tamén preguntamos a dous toureiros, ao mestre rioxano Diego Urdiales e ao soriano Rubén Sanz. A preocupante situación que viven traballadores vinculados ao ámbito taurino achégaa José Ignacio Salcedo, gandeiro que presta o servizo de cabalos á praza de Pontevedra.

Esta pandemia afecta e prexudica igualmente ao ámbito xornalístico e ilustra a tesitura o xornalista e crítico taurino Alfredo Casas Torcida que expón a súa experiencia e visión do sector. E completamos a charla con Chapu Apaolaza, portavoz da Fundación Toro de Lidia, para dar conta das xestións que a entidade está a realizar ante as urxencias que atopan na actividade taurina.

(Playlist: José León Gutiérrez 'Que Dios reparta suerte')