RADIO.- Anabel Gulías... "Vouche dar unha boa noticia"

Pontevedra
29 de xullo 2017

Anabel Gulías di que ten "un lado escuro", pero non é tal como o pinta. Esta forcaricense de Pontevedra ou esta pontevedresa de Forcarei está comprometida co nacionalismo desde moi nova. Muller de letras e atraída polas artes: literatura, teatro, arte, música...descubrímola nesta Playlist de PontevedraViva Radio. Se o titular te despista, escóitaa, vas atopar a resposta

Anabel Gulías, concelleira do BNG en Pontevedra. Mónica Patxot

Aínda que no seu DNI pon que é nacida en Forcarei - polo seu avó paterno, que foi xuíz de paz nese municipio - Anabel Gulías naceu en Ourense. Ata os seis anos viviu nesa localidade paterna, daquela a familia Gulías Torreiro veu a Pontevedra, onde os seus pais rexentaron un restaurante na rúa Virxe do Camiño. Nin a súa irmá Sonia nin ela cumpriron o desexo da súa nai: ter unha filla xornalista. Unha avogada e outra política.

Conta a actual concelleira do BNG en Pontevedra que tivo unha adolescencia moi rebelde. Con 20 anos, di "deiteime falando castelán e espertei falando en galego". Desde ese momento foi sementando o seu compromiso co nacionalismo.

Durante a etapa universitaria en Santiago, estudando Ciencias Políticas, Anabel terminou de configurar as súas inquietudes, a si mesma, en definitiva. 

Precoz na vida pública política, foi candidata con 23 anos en Forcarei e con 27 conseguiu a súa primeira acta de concelleira.

Nesta Playlist de PontevedraViva Radio cóntanos como e onde foi esa proposta para formar parte do equipo de Fernández Lores. Unha chamada de César Mosquera suscitoulle un mar de preguntas e dúbidas sobre algún erro que puido cometer, pero non, "quedei en shock" e o agora vicepresidente da Deputación contestoulle "iso é un si". Houbo un segundo encontro. Neste caso Mosquera avanzoulle "vouche dar unha boa noticia". Anabel pensou que iso significaba que iría de suplente naquela candidatura. E tampouco, ía de número dous.

A partir de aí, a crónica é coñecida. Non escatima eloxios para todos e cada un dos membros que conforman o grupo de goberno do BNG nesta capital. Emociónase mesmo polo respaldo e apoio que recibe cada día.

Pasamos de páxina e furgamos tamén na parte máis íntima desta treintañera e fala de Anxo, a súa parella e vocalista de La casa de los ingleses; que por certo... non incluíu nesta Playlist, pero ten a súa explicación.