RADIO.- A playlist de... Manuel Pena: a introversión dunha 'voz cantante'

Pontevedra
21 de xullo 2018

Manuel Pena Gómez é o bueuense que un día decidiu facer unha aposta arriscada. Montar un festival de curtos na súa localidade: curtametraxes nunha localidade de algo máis de doce mil habitantes. A cotización segue á alza. Esta semana é o protagonista de A playlist de PontevedraViva Radio

Manuel Pena, director do FIC BUEU na Playlist Mónica Patxot

Manuel Pena foi fillo único ata case os dez anos. Curiosamente, fronte ao que cabería esperar, a chegada dun irmán supuxo maior independencia e liberdade, di na Paylist. Así que aquel neno de Bueu gozou da infancia na rúa, cos seus amigos e cun balón. Moitas horas de balón. 

Naquela casa familiar, onde convivían, avós, pais, tíos, curmáns, fillos, a súa nai púxolle ao alcance as películas de cinema. Cando os seus compañeiros de xeración debían estar absorviendo series de debuxos animados, Manuel xa vía 'Frenético' ou 'Arde Mississippi'.

Iso si, como tantos rapaces da súa idade, lembra que a primeira película que viu na gran pantalla foi 'ET' nun cinema de Cangas. Máis tarde nas clases de Ética e Filosofía do instituto tocoulle a fibra 'La naranja mecánica'.

Sen definir o seu papel, estudou na Escola de Imaxe e Son de Vigo. A familia, a moza e a morriña interpuxéronse entre Manuel e Madrid; así que en lugar de facer as maletas para seguir formándose na capital, enfilou rumbo durante dous anos nos estudos especiais da Escola Internacional de Cinema de Cuba, tamén en Vigo. O seu primeiro traballo como director foi experimental 'Hipotálamo' no que colaborou Carlos Branco; tres proxectos despois chegou a súa curtametraxe máis laureada, pero sen suficiente compensación económica; así que 'se baixou o autobús'.

Manuel Pena fixo unha desas apostas arriscadas. Organizou un festival, de curtametraxes, e sen saír de Bueu. Tres de tres. E parece que saíu un pleno ao quince. Leva co experimento once anos este 2018 e o FIC Bueu atrae desde hai anos a público e profesionais de dentro e fóra da Península. Ás veces, ir na dirección oposta non é tolemia, é a fórmula do éxito. 

Recoñécese tímido e introvertido, aínda que nas distancias curtas e no papel de director gústalle levar a voz cantante. Optimista, sempre e "todo é posible" podería ser a súa lema vital, pero nunca o título para un dos seus curtos. Hai tres personaxes que escribiron un importante guión para el: Lorena a súa parella, Elisa a súa filla de seis anos e Mario, o seu fillo de catro anos. Os catro compuxeron a secuencia final do seu paso por PontevedraViva Radio.