RADIO.- A playlist de... Fran Villaverde, acrobacias sobre rock clásico

Pontevedra
26 de outubro 2019

Que é o flatland?, unha práctica deportiva que require moito equilibrio para realizar as acrobacias e 'trucos' que se realizan sobre un bicicleta e que o marinense Fran Villaverde, domina con sobrada pericia. Como igualmente domina o 'rock clásico' e que evidencia en PontevedraViva Radio na Playlist

Fran Villaverde, rider de BMX de flatland, na Playlist de PontevedraViva Radio Cristina Saiz

Hai cousa de cinco anos que alguén lle recomendou, vistas as súas calidades co equilibrio, que probase o flatland. Que é isto do flatland?, a práctica deportiva con bicicleta na que o marinense Fran Villaverde inviste a súa paciencia, constancia e superación.

Di modestamente en PontevedraViva Radio que el está entre "os afeccionados con nivel de amateur", pero o certo é que el está entre os seis mozos, rapaces todos, que se moven en exhibicións ou competicións en Galicia, vinte en Madrid que é a cifra máis alta. No caso da provincia de Pontevedra, non falla no elenco do Marisquiño.

É a súa afección e no terreo práctico- xa que isto non da de comer-, a súa profesión quérea encamiñar cara á realización audiovisual. Para iso estudou na Escola de Imaxe e Son de Vigo, onde tamén coñeceu á súa parella, Sara, unha pacense que non o pasa precisamente ben vendo a Fran subido á súa bici BMX facendo acrobacias. Si gozan con Fran dos 'trucos' sobre as dúas rodas son Aaron Santos e Marcelo Muñiz, .... compañeiros de fatigas día si e día tamén.

Paradoxos, nunha ocasión rompeu un brazo, e non foi montado en bicicleta, senón ao tropezarse cun balón. E os dous sustos que se levou en bicicleta, foron anteriores á práctica de quiebros, xiros e saltos nas BMX. Esta práctica, vinculada á cultura urbana, permitiulle coñecer a moita "boa xente" como a da Asociación Vella Escola, de Noia; un proxecto practicamente exclusivo en Galicia que rompe moitos estereotipos.

E rompendo estereotipos, Fran Villaverde Acuña é un millennial que escoita moito, pero moito, "rock clásico" e para mostra A Playlist pola que nos recupera á Credence, Kansas, Hendrix, Jethro Tull, Zeppelin, Rolling, etc... e rizando o rizo, Paco de Lucía.  É deses tipos que ten aprendida unha sabia máxima: a meta é o camiño.