RADIO.- 25 N: O comercio local será a sala de exposición das fotografías de 'Namórate de tí'

Pontevedra
19 de novembro 2020

A concelleira socialista  Yoya Blanco, delegada de Igualdade no goberno local de Pontevedra, fala en PontevedraViva Radio de violencias machistas e as iniciativas que este mes se desenvolven ante o próximo 25N

A concelleira Yoya Blanco en PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Estudos en saúde pública sinalan que en momentos de crise, de convulsión social, as violencias interpersoais aumentan. A conxuntura actual encaixa nese resultado e a violencia de xénero tamén o resente. Datos oficiais indican que durante o primeiro confinamento domiciliario incrementáronse as chamadas ao número de teléfono 016, pero reducíronse as denuncias (comparativamente a anos anteriores). Segundo os datos da Subdelegación do Goberno; actualmente hai 1.095 casos activos de mulleres vítimas de violencia machista na provincia.

Destas conclusións, indicadores, cifras, fala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco no Cara a cara de PontevedraViva Radio. "Sempre insisto que o 25N é un día conmemorativo, pero que a loita é diaria e se es vítima hai que denunciar; pero tamén se estás nunha contorna no que alguén é vítima. E denunciar mulleres e homes, porque a loita é conxunta", apela a representante socialista.

As limitacións e condicionantes trastornaron as convocatorias das edicións pasadas; polo que a lectura do manifesto reivindicativo de forma presencial non se vai decidir ata o último momento. Si é visible a campaña de cartelería instalada pola cidade, situada ademais en emprazamentos de afluencia estudantil.

O que tamén será visible, é o resultado dun dos dous talleres organizados. As fotografías que realizaron as mulleres participantes en 'Namórate de tí', quérese expoñelas en escaparates do comercio local "e facer dunha rúa da cidade unha exposición viva. Aínda non sabemos que rúa vai ser", avanzaba Yoya Blanco. No ámbito virtual publicouse tamén un vídeo institucional conmemorativo.