Radares móbiles vixiarán no Nadal que se respecte a 'zona 10' en Pontevedra

Pontevedra
27 de novembro 2019

Coincidindo coa campaña de Nadal, na que se prevé que haxa máis presenza de xente nas rúas limitadas a 10 km/h, a Policía Local poñerá en marcha unha campaña de control de velocidade que se desenvolverá entre o 29 de novembro e o 5 de decembro

Vehículo circulando pola rúa Michelena Cristina Saiz

Ata o de agora non se sancionou a ningún condutor por circular a gran velocidade nas rúas que, desde o pasado mes de outubro, son 'zona 10' en Pontevedra. O grao de cumprimento desta medida, segundo o goberno municipal, "é moi alto" pero si se rexistraron "excepcións" que o Concello, a través da Policía Local, está disposto a "perseguir".

Por iso, coincidindo coa campaña de Nadal, na que se prevé que haxa máis presenza de xente nas rúas limitadas a 10 km/h, a Policía Local poñerá en marcha unha campaña de control de velocidade que se desenvolverá entre o 29 de novembro e o 5 de decembro.

A edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que este control será realizado "a calquera hora que a Policía considere oportuno" e, para iso, empregarase un radar láser móbil, os coñecidos como velolaser, e ao mesmo tempo incrementarase a presenza de axentes nas rúas para sancionar aos posibles infractores.

Esta 'zona 10', segundo destacou Vilaverde, foi "moi ben acollida" polos cidadáns que, a diario, transitan por estas rúas a pé e todos asumiron esta "nova convivencia" entre peóns e vehículos. "Non percibimos ningún tipo de diferenza entre o límite anterior de 20 e o novo de 10", engadiu a concelleira do BNG.

Iso si, o Concello notou a "sensación" que existe entre os cidadáns de "certo perigo" que xera o paso de ciclomotores e repartidores por estas rúas limitadas a 10 km/h, polo que iniciou unha campaña informativa entre as empresas e os traballadores.

Aínda que as estatísticas demostran que ningún dos accidentes de tráfico ocorridos en Pontevedra foi provocado por repartidores e que a incidencia dos ciclomotores é "mínima", o goberno municipal mantivo xa varias reunións con compañías que teñen unha ampla frota de repartidores para lembrarlles a nova normativa.

A recepción foi "moi boa", asegurou a responsable de Seguridade Cidadá, tanto entre as empresas como nos traballadores, aos que se lles trasladaron "todas as normas que lles afectan". O Concello, engadiu a edil, é "consciente" de que todos eles forman parte dun sector "importante" para "consolidar" esta 'zona 10' na cidade.

O goberno municipal adiantou que se se "constatan problemas" noutros sectores "tamén se tomarán medidas".