Quirónsalud Miguel Domínguez comeza a campaña de vacinación da gripe

Pontevedra
23 de outubro 2020

Os profesionais sanitarios recomendan a vacina, especialmente entre os grupos de risco, ante a coincidencia coa pandemia da covid-19. Indican que a vacinación contra a gripe axudará a evitar a súa coexistencia e un posible colapso da asistencia sanitaria

Campaña de vacinación gripal no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez

Durante os meses de outubro, novembro e decembro, o Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez administrará a vacina da gripe aos pacientes que o soliciten mediante unha cita previa no teléfono 986 856 800.

Esta semana iniciouse a campaña de vacinación da gripe nos centros deste grupo sanitario, nun ano marcado pola enfermidade de covid-19. Segundo indican desde o centro hospitalario, este novo virus e a gripe presentan síntomas parecidos nas súas fases iniciais que poden confundir as dúas enfermidades, polo que a vacinación contra a gripe axudará a evitar a súa coexistencia e un posible colapso da asistencia sanitaria.

A campaña conta con dous puntos de vacinación para dar resposta á elevada demanda, o Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez e no Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra.

A responsable de vacinación no Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra, María Soledad Constenla Casal, asegura que a campaña "está a ser a maior dos últimos anos, con diferenza, especialmente entre as persoas maiores". Algunhas persoas que se vacinaron nestas primeiras xornadas "non se vacinaron nunca con anterioridade", pero o temor á covid-19 e a posibilidade de mitigar o seu impacto "animoulles a facelo por primeira vez" conclúe.

GRUPOS DE RISCO E PERSOAL SANITARIO 

Os profesionais de Quirónsalud lembran a conveniencia de vacinarse contra a gripe este ano, sobre todo, aquelas persoas que son grupo de risco. Isto inclúe a persoas maiores, preferentemente a partir dos 65 anos, pacientes con enfermidades crónicas (diabetes, enfermidade cardiovascular, pulmonar, renal...) e  inmunodeprimidos.

Tamén é recomendable que o faga o persoal sanitario e sociosanitario para evitar converterse nun foco de infección para os seus pacientes. Nos centros de Quirónsalud de Pontevedra realizouse a vacinación do persoal durante a pasada semana. Os nenos tamén deben vacinarse. A pediatra Mónica Camaño recomenda que, "nas circunstancias actuais da pandemia por covid-19, a vacinación da gripe debería valorarse en todos os nenos, non só naqueles casos que teñan factores de risco".

RECOMENDACIÓNS COMPLEMENTARIAS

Durante esta campaña de vacinación tan atípica, Quirónsalud incide nunha serie de recomendacións que se deben incorporar na rutina diaria para contribuír á prevención do contaxio da gripe.

Entre elas destacan, levar unha dieta rica en Vitaminas  C e A, extremar as medidas de hixiene, manter unha adecuada ventilación en casa e outros espazos pechados e o uso da máscara, mesmo cando se respecte a distancia de seguridade.