"Queremos conciliar, non renunciar", queixa da CIG ao Goberno

Pontevedra
19 de xuño 2024

Representantes do sindicato nacionalista concentrábanse este mércores diante da Subdelegación do Goberno de Pontevedra na véspera do debate e convalidación do Real Decreto 2/2024 no Congreso onde, segundo denuncian, non se recolle que o permiso de lactancia acumulada é de 28 días, como prometera a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz

Concentración da CIG diante da Subdelegación do Goberno Mónica Patxot

"Reto a quen queira a que me diga onde aparece recollido que o permiso da lactancia acumulada é de 28 días", expón Diana Rodríguez, secretaria confederal de Emprego da CIG, durante a concentración que representantes do sindicato nacionalista realizaban ás portas da Subdelegación do Goberno de Pontevedra este mércores 19.

"Para nós, a conciliación neste país segue estando moi lonxe de ser idónea e as únicas opcións que temos as persoas traballadoras son sota, cabalo, rei: redución de xornada, excedencia ou abandono do mercado laboral", manifesta a representante sindical.

Este xoves 20 está previsto o debate e a convalidación do Real Decreto 2/2024, de 21 de maio, no Congreso dos Deputados. Neste documento, segundo manteñen desde a CIG, non se recolle que o permiso parental sexa retribuido ou que o permiso de lactancia, cando se opta pola súa acumulación, sexa de 28 días, malia as promesas realizadas pola vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

"O único que se fai é blindar o dereito á lactancia acumulada e non o deixa para regular en negociación colectiva, pero non é certo que vaian disfrutar de 28 días", argumenta Diana Rodríguez, insistindo en que  "non aparece en ningún sitio do RD que os 28 días sexan por dereito. Nin sequera recollen a familias monoparentais ou monomarentais porque as crianzas dun só proxenitor só teñen dereito a ese disfrute da lactancia".

Engade que tamén se perde a oportunidade, coa aprobación deste Real Decreto, de que as familias monoparentais gocen das 32 semanas de permiso de nacemento dos menores.

Insiste en que eses dereitos están recollidos nunha directiva europea de 2019 da Lei de Conciliación na que tamén se expón que os custos dos permisos non poden recaer nas persoas traballadoras.

"Un ano despois da entrada en vigor do famoso permiso parental de oito semanas para coidado de fillos menores de oito anos segue sen ser retribuido por tanto, o coste segue a recaer sobre as persoas traballadoras", denuncian desde a CIG, que queren seguir presionando para que a directiva europea se cumpra, de maneira que os Estrados retribúan por ese permiso de oito semanas.

"Aquelas persoas que xa disfrutaron deses permisos de oito semanas tiveron que quedar na casa sen cobrar", conclúe Diana Rodríguez. 

A CIG denuncia que o Real Decreto presenta unha redacción inconcreta sobre diversos aspectos e acusa o Goberno central de empregar a propaganda e a "falsidade" para xustificar o incumprimento da transposición da directiva europea de conciliación da vida familiar e laboral.