Quen recicle en Soutomaior contará con bonificacións no recibo do lixo

Soutomaior
05 de novembro 2024
Actualizado: 19:31

O Concello de Soutomaior aprobou unha nova ordenanza do lixo para afrontar a suba establecida por Sogama, segundo indicaba o goberno local. O PP votou en contra

Pleno en Soutomaior Concello de Soutomaior

O pleno do Concello de Soutomaior aprobou este martes a nova ordenanza do lixo que contempla bonificacións para familias e persoas que reciclen, unha medida que busca paliar o impacto do incremento das taxas de Sogama.

A proposta saíu adiante cos votos favorables do goberno municipal, mentres que o PP votou en contra.

A nova normativa responde á necesidade de adaptarse á suba do tratamento de residuos que Sogama aplicará con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025 e suporá que a veciñanza terá que pagar unha media de 40 euros nos recibos do lixo.

O alcalde, Manu Lourenzo, explicou que esta situación é consecuencia directa do modelo de tratamento de residuos escollido polo PP, "altamente contaminante e contrario ás directrices europeas".

Segundo a normativa da UE, que entrará en vigor en abril de 2025, a incineración de residuos non pode recibir subvencións ambientais.

A entrada en vigor desta normativa coincide co fin do contrato con Urbaser, que levaba 20 anos prestando o servizo de recollida do lixo no municipio.

Lourenzo criticou a postura do PP local por non facer "fronte común" coa veciñanza para evitar esta suba.

"Fixérono co imposto do PXOM, fixérono co canon da auga e agora estano a facer co taxazo de Sogama, sempre do lado da Xunta e fronte á nosa veciñanza", manifestou o rexedor.

O Concello comprométese a establecer bonificacións para as familias que o precisen e para aquelas que demostren boas prácticas de reciclaxe.