Quen rebentou a presentación da feira taurina da Peregrina?

Pontevedra
30 de xuño 2023

Castella, Roca Rey, Tomás Rufo, Morante, 'El Juli' e Manzanares se acartelan con touros de Alcurrucén e Santiago Domecq para as tardes do 6 e o 13 de agosto en Pontevedra

Presentación da feira taurina da Peregrina 2023 Mónica Patxot

Acto aberto ao público por primeira vez para a presentación dos carteis da feira taurina da Peregrina. Antes dos detalles, o meollo da convocatoria que tivo lugar no Liceo Casino de Pontevedra.

Dous domingos abrirán as portas do coso de Ran Roque, o primeiro de agosto, día 6 e o segundo - día grande as festas en honra á patroa da provincia-, o día 13. O primeiro dos carteis leva os nomes de Sebastián Castella, Roca Rey e Tomás Rufo que lidarán touros de Alcurrucén. A terna para o segundo cartel compóñena Morante de la Puebla, Julián López, 'El Juli' e Manzanares con touros de Santiago Domecq.

Estes nomes, que debían ser os protagonistas principais da cita taurina, pasaron a protagonistas secundarios grazas á acción de alguén que, con ou sen premeditación pero con absoluta aleivosía dinamitou os tempos previstos.

Quen fose, saltándose os canons éticos e tamén se se entra en terreo legal a Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía dos Dereitos Dixitais e mesmo o Código Penal, aproveitou para facer unha fotografía no establecemento en que se imprimían os carteis e rematou a faena coa difusión da imaxe. 

Rebentada esta primeira parte da convocatoria, continuouse con outro dos alicientes da sesión, a presenza do matador de touros xa retirado Juan Antonio Ruiz Espartaco e o destro Tomás Rufo.

Ambos repetiron oportunidade de ter un contacto directo coa afección local e esta vez acompañaron a Vicente Zabala de la Serna na presentación do libro  'Ya nadie dice la verdad. Diálogos íntimos del toreo', escrito polo xornalista e crítico taurino, con fotografías de José Aymá. O título recompila entrevistas a toureiros e empresarios do sector.

Intercambiáronse momentos profesionais dos dous toureiros, impresións sobre o seu concepto do toureo, ademais de anécdotas que mantiveron a atención dunha sala repleta de afeccionados. O mestre sevillano destacou ademais "os grandes carteis" que se escolleron para esta feira taurina pontevedresa e que terá o seu epílogo o 15 de agosto cun espectáculo ecuestre.

Para terminar déronse a coñecer e fíxose entrega dos gañadores do concurso de carteis taurinos convocado pola Coordinadora de Penas Taurinas de Pontevedra. Un concurso que nesta ocasión estaba dotado con 400 euros o primeiro premio e que recaeu no valenciano Sergio Iborra; e de 150 e 50 euros para o segundo e terceiro premio, que foron para as pontevedresas Antía Otero e Mónica Regueiro, respectivamente.