Queixas contra Monbús por non cubrir todos traxectos do transporte escolar en Poio

Poio
08 de setembro 2022

O Concello de Poio, a través da Concellería de Educación, Raquel Rodríguez vén de remitir un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e á empresa de transporte Monbús, logo de constatar que o servizo non cubriu os traxectos establecidos como está estipulado, deixando a varios estudantes nas paradas sen posibilidade de desprazarse ata o instituto

Autobús da empresa Monbús
Autobús da empresa Monbús PP de Poio

O Concello de Poio, a través da Concellería de Educación, Raquel Rodríguez vén de remitir un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e á empresa de transporte Monbús, logo de constatar que o servizo non cubriu os traxectos establecidos como está estipulado, deixando a varios estudantes nas paradas sen posibilidade de desprazarse ata o instituto.

Raquel Rodríguez considera "moi grave" esta situación e lembra que a empresa dispón das listaxes de matriculación e de toda a información desde o pasado mes de xullo, polo que "non é de recibo que no primeiro día de clase o alumnado estea a padecer estes problemas". 

No escrito enviado tanto á Consellería como á empresa o Concello esixe a dotación de medidas para que esta situación non se volva repetir "baixo ningunha circunstancia". 

Raquel Rodríguez asegura que a Concellería de Educación permanecerá "vixiante" e en contacto permanente coa comunidade educativa para velar polo cumprimento do servizo "a todos os niveis". 

Neste sentido, a concelleira xa informou á ANPA destas medidas adoptadas e fai un chamamento a posibles familias afectadas por esta situación a que se poñan en contacto co centro educativo e coa propia ANPA.