Que fai a Deputación de Pontevedra vendendo embrións?

Pontevedra
02 de abril 2023

Entre as múltiples actividades que desenvolve a Deputación de Pontevedra hai alguna ben curiosa como a venda de embrións. É un servizo que ofrece a Finca Mouriscade, un centro agrogandeiro de referencia internacional dependente da Deputación, que é quen os produce para que cheguen a todas as ganderías da provincia.

Traballo nun laboratorio Deputación de Pontevedra

Entre as múltiples actividades que desenvolve a Deputación de Pontevedra hai alguna ben curiosa como a venda de embrións.

É un servizo que ofrece a Finca Mouriscade, un centro agrogandeiro de referencia internacional dependente da Deputación, que é quen os produce para que cheguen a todas as ganderías da provincia.

É tan sinxelo como que as persoas interesadas accedan a web para mercar o material xenético. Logo, o persoal técnico de Mouriscade trasladarase ás súas explotacións para implantalos, empregando para iso o laboratorio móbil.

A finca de Mouriscade ten recibido un total de 9,4 millóns de euros durante os dous últimos mandatos e conta hoxe cun Plan Estratéxico. Froito disto foi a súa inclusión entre as 12 mellores explotacións no ránking da Confederación de Frisona Española (Conafe). 

Nos últimos meses estreouse o laboratorio móbil, o novo sitio web e creouse unha plataforma para adquirir directamente embrións de alta calidade xenética. Pero entre as infraestruturas de Mouriscade tamén hai unha planta de biogás e terras de cultivo (que ademais de producir forraxe para alimentación do gando empréganse como campos de ensaios de cultivos).

Este servizo da Deputación adquiriu recentemente 20 novos embrións de alta calidade xenética a unha empresa especializada canadiana, coa que se espera seguir a obter grandes resultados que continúen a mellora da base xenética do gando da Finca e do sector. A compra materializouse a través dun sistema de contratación dinámica, un procedemento moi áxil que permite dispor dos embrións de xeito case inmediato e garante a súa máxima calidade xenética.  Trátase de embrións de fecundación in vitro, xenotipados e femias nun 100%, e teñen unha elevadísima calidade xa que proceden do 1% dos mellores exemplares da raza Holstein a nivel mundial.

A Deputación fíxase como obxectivo escalar seis postos máis ata colocar a granxa entre as seis mellores explotacións a nivel nacional aínda que segue a reiterar en que a Xunta debería asumir a transferencia desta Finca de Mouriscade, ao considerar que a competencia sobre este centro de investigación correspóndelle ao Goberno galego.