Que é para ti o Entroido de Cobres? Píntao e podes gañar un premio

Vilaboa
18 de xuño 2024

O Entroido de Cobres e as dotes artísticas van da man en dúas novas iniciativas impulsadas pola Asociación Cultural Cobres en colaboración co Concello de Vilaboa. Organizan o I Concurso de Pintura 'Que é para ti o Entroido de Cobres?' e o certame de murais ao aire libre 'Entroido de Cobres na rúa'

Madamas e Galáns do Entroido de Cobres Concello de Vilaboa

O Entroido de Cobres e as dotes artísticas van da man en dúas novas iniciativas impulsadas pola Asociación Cultural Cobres en colaboración co Concello de Vilaboa. Organizan o I Concurso de Pintura 'Que é para ti o Entroido de Cobres?' e o certame de murais ao aire libre 'Entroido de Cobres na rúa'.

Ambas as dúas iniciativas organizaranse o vindeiro 13 de xullo no marco do VI Encontro de Entroidos e repartirán diversos premios entre cativada e persoas adultas.

O  Concurso de Murais ao aire libre 'Entroido de Cobres na rúa' terá como lenzo as columnas do viaduto de Riomaior, onde os participantes, maiores de 16 anos, farán os seus grafitis nunha parede de 5x3 metros aproximadamente. Poderá participar a veciñanza do municipio e de calquera outro concello e incluso, poderán facelo en grupos de 2 persoas. 

Para participar os interesados deben entrar na páxina oficial do Entroido de Cobres para cubrir o formulario correspondente e enviar un correo cun bosquexo do traballo a realizar, as técnicas a empregar e o tempo que precisarán, sendo o último día para enviar a documentación o 30 de xuño.

O I Concurso de Pintura está dirixido a estudantes da etapa de infantil, primaria e secundaria. Poden consultarse as bases do concurso en www.entroidodecobres.com.

As persoas participantes deberán presentar antes do 10 de xullo obras elaboradas mediante o uso de diversas técnicas como ceras, lapis de cores, acuarela, témpera, tinta, rotuladores e técnicas mixtas, incluíndo collage.

A valoración das obras de pintura e os murais farase en función da adaptación ao tema, orixinalidade e dificultade técnica e mentres que as pinturas serán expostas durante o evento para que todos os asistentes poidan admirar as obras participantes, os murais non serán expostos ata que a organización faga pública a súa selección en redes sociais e na web.