A Xunta está negociando con Ence unha prórroga da súa concesión en Lourizán a cambio dunha serie de contrapartidas por parte da empresa, tal e como confirman diferentes interlocutores, entre eles o presidente do Partido Popular de Pontevedra e da Deputación, Rafael Louzán.
Aínda que a día de hoxe o expediente de caducidade da concesión mantén paralizada a solicitude de prórroga de Ence, de novo é unha cita electoral a que devolve o asunto ás portadas dos medios de comunicación.
Este venres o mandatario provincial, Rafael Louzán, referiuse aos "compromisos que está a manifestar Ence" e dixo estar "convencido que vai haber contraprestacións moi importantes para a cidade ante a posibilidade dunha prórroga" e que estas "van ser moi beneficiosas para Pontevedra, o seu ámbito e para Galicia", citando concretamente ao sector forestal, "actividade económica de primeira orde".
Os populares establecen unha premisa: "nin Pontevedra nin Galicia se poden permitir perder Ence", e ante o inminente fin da concesión dos terreos que ocupa a fábrica no ano 2018 preséntase unha nova oportunidade para facer as cousas ben".
Louzán: "o PP mostra cal é a súa postura e que imos dicir que si á prórroga de Ence en Pontevedra a cambio de contraprestacións"
Neste sentido Rafael Louzán sinala que o Partido Popular tivo "valentía" e "sabendo que hai persoas que seguramente non están de acordo, respectamos esa opinión, pero non ocultamos nada e antes de que se celebren as eleccións o PP mostra cal é a súa postura e que imos dicir que si á prórroga de Ence en Pontevedra a cambio de contraprestacións".
Estas contraprestacións desvela Louzán serían, en primeiro lugar "moi importantes dende o punto de vista ambiental". En segundo termo un "plan de emprego e formación para persoas dese ámbito" así como "aumentar de xeito directo e indirecto o número de traballadores da planta", incluíndo proxectos relacionados coa biomasa.
Despois das condicións vinculadas ao emprego seguirán outros "esforzos en mellorar o impacto visual" e os olores, ao que Louzán engadiu "pregúntome se eses malos olores non son da depuradora", o presidente provincial do Partido Popular citou mesmo entre as demandas a Ence a mellora do campo de fútbol de Lourizán "e outras que agora non podemos concretar".
Louzán confirma que "se leva traballando neste tema dende hai moito tempo" e que o "goberno de Galicia ten un contacto directo" coa dirección deste grupo industrial apuntando que está "plenamente convencido de que Ence está disposto a aceptar".