PXOM, lombos en Montecelo e ENCE, entre as case 20 mocións dun Pleno que se prevé maratoniano

Pontevedra
17 de setembro 2015

Máis de trinta puntos na orde do día e preto de 20 mocións entre os cinco grupos da corporación ameazan con converter en maratoniana a sesión plenaria. Tanto que, xa de entrada, o seu inicio adiántase unha hora. Será ás dez da mañá

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

"Non chegará o sangue ao río e acabaremos antes das seis da tarde". Esta frase, pronunciada de broma polo alcalde de Pontevedra este xoves, é a mellor descrición do Pleno que se prevé para o vindeiro martes. Máis de trinta puntos na orde do día e preto de 20 mocións entre os cinco grupos da corporación ameazan con converter en maratoniana a sesión plenaria. Tanto que, xa de entrada, o seu inicio adiántase unha hora. Será ás dez da mañá.

Un dos puntos máis intensos será o relativo a Ence. Votarase a proposta da Alcaldía na que se insta ao Goberno a non tomar ningunha decisión sobre a nova concesión á pasteira antes das próximas eleccións; mentres que á Xunta pídeselle que emita un informe desfavorable á continuidade do complexo industrial de Lourizán e que anule a declaración ambiental integrada de Elnosa, paralizando así a súa actividade.

A este respecto non só oirase a voz dos políticos. O goberno municipal está disposto a deixar intervir no Pleno a un portavoz dos traballadores. "É o ánimo do Concello que se hai unha petición formal por parte do comité de empresa de Ence e Elnosa poidan falar", explicou Miguel Anxo Fernández Lores, cun límite de dez minutos e sempre que se comprometan a respectar o transcurso do resto da sesión plenaria.

Ademais de cuestións formais como a modificación da ordenanza reguladora do IBI á universidade, a aprobación da conta xeral de 2014 e a modificación de crédito para afrontar o primeiro pago da débeda de Sogama e fixar os festivos locais para 2016, debateranse preto de vinte mocións no Pleno.

Marea presentará seis destas mocións, entre elas, a que exporá instar á Xunta a reforma da PO-546 entre Pontevedra e Marín, que se organice unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda ou que Pontevedra se una ás cidades refuxio para os desprazados sirios. Pola súa banda, Ciudadanos pedirá que se constitúa unha mesa local para a discapacidade e o PP que se elabore unha lista coas actividades extraescolares que se ofertan na cidade.

Os socialistas defenderán polo menos tres mocións, unha sobre a páxina web do Concello, outra para que se impulse a loita contra a violencia de xénero e unha terceira sobre os lombos de Montecelo e a necesaria creación de vías sanitarias. A elas súmanse as que presentará o BNG para dar o nome de Amalia Álvarez a un parque da cidade, outra sobre os refuxiados e outra sobre a necesidade dunha tarifa eléctrica reducida para Galicia.

No Pleno do martes tamén se tratará a moción conxunta de toda a oposición para impulsar a redacción dunha novo PXOM, Marea preguntará sobre o proxecto do parque forestal da Fracha e darase conta dunha serie de informes sobre a situación económica do Concello de Pontevedra.

Arquivado en