'Punto e seguido', unha mostra que representa a vida das persoas con dano cerebral adquirido

Pontevedra
11 de marzo 2020

A mostra, composta por fotografías da Asociación Fegadace de Dano Cerebral, ten como obxectivo mostrar a realidade da vida cotiá das personas que sofren algún tipo de dano cerebral. Pode visitarse no edificio administrativo da Xunta de Galicia ata o 25 de marzo

Presentación da mostra 'Punto e seguido' Xunta de Galicia

A sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle ata o próximo 25 de marzo a mostra 'Punto e seguido', composta por fotografías da Asociación Fegadace de Dano Cerebral. 

A Federación Galega de Dano Cerebral conformouse en 2007 tras a unión de cinco asociacións galegas que traballan pola defensa dos intereses e mellora da calidade de vida de aqueles que sufriron dano cerebral adquirido e dos seus familiares.

As fotografías expostas amosan o día a día das persoas que padecen esta lesión, debido a un ictus, ou por un accidente de tráfico. O obxectivo destes retratos é mostrar a realidade da vida cotiá das persoas que sofren algún tipo de dano cerebral, demostrando que padecelo non significa que sexa o punto final, senón un punto seguido para unha nova vida. As secuelas dun dano cerebral poden ser visibles e invisibles; físicas, orgánicas, sensoriais, cognitivas, emocionais, económicas e sociais, pero ante isto tamén xorde o apoio, a rehabilitación, os novos proxectos de vida, as novas relacións e os novos intereses. Todos estes aspectos pódense ver a través das fotografías que compoñen esta mostra. 

Cada ano, arredor de 7.000 familias galegas teñen algún familiar que contan con esta discapacidade. Así, convértense a persoas traballadoras en dependentes, e a parellas e familiares en coidadoras, que teñen que recompoñer a súa vida, transformar as súas vivendas e reorganizar as súas rutinas. 

A mostra pode visitarse ata o 25 de marzo de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas. Os sábados abrirá de 9:00 a 14:00 horas.