Punto final de Ángel Moldes a unha "reclamación histórica" dos veciños de Costa de Arriba

Poio
17 de marzo 2025

Conclúe a mellora do firme e instalación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais nesta rúa de Combarro, un camiño moi transitado que comunica con Chancelas e o Xuviño

Ángel Moldes na rúa Costa de Arriba
Ángel Moldes na rúa Costa de Arriba Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, ven de anunciar que xa se lle deu resposta a unha "reclamación histórica" da veciñanza da rúa Costa de Arriba, en Combarro, "que levaba case dúas décadas esperando por unha solución a un camiño municipal que estaba moi deteriorado, que se foi parcheando a longo de todos estes anos pero sin ofrecer unha medida definitiva para mellorar a mobilidade no lugar".

O Concello de Poio rematou as obras de rehabilitación do firme e das redes de saneamento, abastecemento e de pluviais neste vial de Combarro.

Este é un camiño moi transitado, xa que comunica o centro de Combarro con Chancelas e o Xuviño.

Unha actuación que contou cun investimento de máis de 100.000 euros con cargo a fondos municipais e coa axuda da Deputación de Pontevedra.

Incluíu a incorporación de dous resaltos para aminorar a velocidade e ampliouse o proxecto inicial para substituír toda a tubaxe de saneamento.

O alcalde lembrou que nos últimos meses acometéronse actuacións en todas as parroquias que contaron cun investimento de máis de 850.000 euros, e que incluíron melloras nos camiños de Cachafeiro, Castaño, do Cemiterio, Outeiro de Fontenla, os ramais da rúa Sartal, Fonteiriñas, Souto, 3ª Travesía da Seara, Liñares, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea e San Martiño.

Uns investimentos que, segundo indica Moldes, "son fundamentais para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade para a cidadanía".

"Son pequenos investimentos pero moi necesarios e que, sobre todo, darán un servizo fundamental para a nosa veciñanza", rematou Moldes.