Pulseiras solidarias que se traducen en horas de apoio psicolóxico a vítimas de violencia de xénero

Pontevedra
28 de setembro 2023

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) ten á venda pulseiras solidarias coas quer buscan "marcar a diferenza na vida" das mulleres vítimas da violencia de xénero ou que están a atravesar calquera outra situación de vulnerabilidade

Pulseira solidaria de Femupo FEMUPO

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) acaba de poñer en marcha unha iniciativa solidaria para sufragar o apoio psicolóxico a mulleres vítimas de violencia de xénero.

En concreto, porán á venda pulseiras solidarias coas que buscan "marcar a diferenza na vida" das mulleres vítimas da violencia de xénero ou que están a atravesar calquera outra situación de vulnerabilidade.

Cada pulseira adquirida contribuirá directamente a financiar horas de apoio psicolóxico para mulleres que se atopan nun momento delicado, incluíndo vítimas de violencia de xénero.

Femupo propón, por exemplo, estas pulseiras se adquiran como "fermoso recordo de ocasións especiais", como vodas, e acaben convertidas nun compromiso social que, con eses beneficios, axude ás vítimas. 

Esta campaña leva por lema "Xuntos sementamos igualdade e esperanza" e Raquel Touriño, presidenta da federación, explica que están "moi emocionadas" con esta iniciativa, pois confían "no apoio mutuo e na participación de todas e todos para forxar unha sociedade máis xusta".

As persoas interesadas en comprar estas pulseiras poden contactar coa entidade a través do correo federacionmullerespontevedra@gmail.com.