Puentes acusa o PP de mentir e falsear datos sobre Pontevedra Flúe para "arañar votos"

Pontevedra
24 de maio 2024

O portavoz municipal socialista Iván Puentes respondía ás acusacións realizadas por Rafa Domínguez e Pepa Pardo, do Partido Popular, que cualificaban a estratexia de Pontevedra Flúe como unha "gran estafa" sinalando que "non había nin rastro" dos 25 millóns de euros prometidos. Desde o PSOE manteñen que a Ministerio de Transición Ecolóxica ten prevista esa dotación á espera de que se presenten os proxectos por parte do goberno local

Yoya Blanco e Iván Puentes, da Agrupación Socialista de Pontevedra, con representantes do Concello de León
Yoya Blanco e Iván Puentes, da Agrupación Socialista de Pontevedra, con representantes do Concello de León / PSOE Pontevedra
Resposta ás críticas do PP sobre a estratexia Pontevedra Flúe /

Iván Puentes, portavoz municipal socialista, respondía este venres ás acusacións realizadas por Rafa Domínguez e Pepa Pardo, do Partido Popular, que cualificaron como "gran estafa" a estratexia Pontevedra Flúe, que promovera o Partido Socialista co obxectivo de renaturalizar diversas zonas de Pontevedra, despois da carta que recibiron por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Puentes responde expoñendo que nesa carta do Ministerio está nomeada a estratexia Pontevedra Flúe sinalando que os proxectos son "perfectamente financiables" e que xa se informou ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e ao concelleiro César Mosquera sobre este asunto.

Lembra que o Ministerio precisa que o goberno local presente os proxectos, tal e como reclaman desde as filas socialistas ao grupo do BNG.

"Pepa Pardo e o PP reciben esta resposta o 10 de abril, hai máis dun mes, e espera ao día antes das eleccións para facela pública, mentindo e falseando a realidade coa única vontade de arañar votos na campaña electoral das eleccións europeas mentindo a poboación de Pontevedra", acusa Iván Puentes á concelleira popular e equipara ao grupo municipal coa política de "bulos que encarnan Donald Trump e Javier Milei". 

Esixe ao Partido Popular unha desculpa á cidadanía por mentir. Ademais, convida os concelleiros populares a arrimar o ombreiro para finalizar os proxectos e envialos a Madrid para que se invistan os 25 millóns de euros en Pontevedra destinados a renaturalizar a ribeira do Lérez, a Xunqueira de Mollavao, a Xunqueira de Alba e a parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio.

As declaracións de Iván Puentes eran realizadas en León, onde acudiron varios representantes socialistas a comprobar o sistema de recollida de residuos municipal que se acomete nese concello gobernado polo PSOE, coa intención de obter datos para propoñer esta opción en Pontevedra.

No medio de toda esta polémica, Tino Fernández, anterior portavoz municipal socialista en Pontevedra, realizaba unha contundente publicación na rede social X pedindo responsabilidades ao entender que "Pontevedra Flúe foi unha trola".