Público de todas as idades escoita as palabras de Zahara sobre violencia machista no Museo

Pontevedra
25 de novembro 2023

A reivindicativa artista mantivo unha charla coa xornalista Susana Pedreira no Edificio Castelao. Durante a tarde, a cantante libanesa Nadine Khouri ofreceu un concerto no mesmo espazo, dentro da programación organizada polo Concello de Pontevedra con motivo do 25N

Faladoiro de Zahara sobre violencias machistas no Museo de Pontevedra Cristina Saiz

Zahara, a artista andaluza que se caracteriza por ser polifacética ao manter unha carreira profesional como cantante, compositora, actriz, presentadora de televisión, produtora e escritora, ofrecía unha charla este sábado no Museo de Pontevedra dentro dos actos organizados polo Concello de Pontevedra con motivo do 25N.

A creadora dos álbums 'La pareja tóxica', 'Santa', 'Puta', 'Reputa' e 'Madre' mantivo unha conversa coa xornalista Susana Pedreira para falar sobre a violencia machista nas súas diferentes modalidades ante numeroso público de todas as idades, entre os que non faltaba integrantes da corporación municipal e pintores como Antón Sobral.

Zahara tivo repercusión mundial cando en 2021, o Concello de Toledo e o partido VOX retiraban o cartel promocional da xira 'Puta'. A artista recibiu apoio en redes sociais a través dun movemento internacional en defensa da liberdade creativa.

A concelleira Anabel Gulías presentou o acto, que tivo continuidade durante a tarde co concerto da cantante libanesa Nadine Khouri no mesmo espazo. Esta compositora crea atmosferas emotivas e perturbadoras nos seus temas acústicos.