Publicadas as bases que regularán a adxudicación das vivendas sociais de Carballedo

Cerdedo-Cotobade
26 de xuño 2023

Constitúe unha medida para facilitar o acceso a unha vivenda digna a familias con dificultades económicas empadroadas no municipio 

Vivendas sociais de Carballedo

O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases reguladoras de adxudicación, normas de funcionamento e utilización das vivendas sociais do Concello de Cerdedo-Cotobade polas que se rexirá tamén o procedemento de oferta pública das catro vivendas de Carballedo, pendentes de adxudicar.

Segundo manifestou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, "este novo paso permitirá dispoñer dun regulamento para poder adxudicar canto antes ás familias que o precisen as vivendas sociais das que se dispón no noso concello".

Así, o Concello de Cerdedo-Cotobade ten prendentes de sacar a oferta pública as vivendas resultantes dos traballos de rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo para convertilo nun edificio de catro vivendas sociais (dúas de 126 metros cadrados e outras tantas de 73).

Poderán solicitar unha vivenda de ocupación temporal social as persoas, para si ou para a súa unidade familiar que, pola súa situación ou polos seus escasos recursos, non poidan acceder a unha vivenda de ocupación temporal a prezo de mercado.

A persoa solicitante deberá acreditar a residencia legal, efectiva e continuada no Concello de Cerdedo-Cotobade durante un período de cando menos un ano con anterioridade á data da solicitude. 

Ademáis, o solicitante, ou calquera outro membro da unidade familiar, non pode ser titular dunha vivenda en réxime de propiedade de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou goce sobre outra vivenda en todo o territorio nacional.