O PSOE, en pé de guerra contra o "negocio privado paralelo" do aparcamento de Montecelo

Pontevedra
03 de abril 2025

Alcaldes e voceiros socialistas de concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés fan un chamamento á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o domingo 6 de abril en Santiago

Represetantes do PSOE ante o Hospital Montecelo
Represetantes do PSOE ante o Hospital Montecelo PSOE de Pontevedra

O PSOE púxose este mércores, unha vez máis, en pé de guerra contra o que considera o "negocio privado paralelo" que a Xunta de Galicia quere implantar co estacionamento do novo Hospital Montecelo.

Alcaldes e voceiros socialistas de concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés trasladáronse ata Montecelo. 

Desde alí, encabezados pola parlamentaria Paloma Castro; o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes; e o secretario provincial do partido, David Regades, fixeron unha chamada á poboación para que asista este domingo 6 de abril á manifestación convocada en Santiago de Compostela pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Nesta ocasión, centraron as súas demandas nesta zona de estacionamento, pois denuncian que o goberno galego vai converter en prazas de pagamento 900 das 1.200 prazas proxectadas.

Os socialistas esixen á Xunta a gratuidade de todos os espazos de estacionamento e anuncian que levarán as súas demandas ao pleno da Deputación e do Concello de Pontevedra.

Presentarán unha moción na que tamén se insta ao goberno local a tomar cartas e promover alternativas de aparcamento gratuíto.

Iván Puentes explicou que a moción pedirá "o que, basicamente, a plataforma SOS Sanidade Pública, os colectivos profesionais e sanitarios, e coido que a inmensa maioría da cidadanía de Pontevedra e da súa comarca, están a reclamar nestes momentos".

En primeiro lugar, que o novo Hospital Montecelo estea dotado do número suficiente de prazas de aparcadoiro "para poder atender á crecente demanda que vai ter este centro hospitalario, e que a día de hoxe son claramente insuficientes"; e que esas prazas estean ubicadas nun parking público gratuíto.

Pensan esencialmente en dous colectivos: os traballadores do hospital e os doentes e os familiares dos doentes, que "non están en Montecelo por gusto, senón por obriga, e para os que é moi inxusto condenalos a pagar unhas taxas que, como se pode ver noutras zonas sanitarias de Galicia, son absolutamente abusivas".

Solicitarán ao grupo de goberno local que "no caso en que a Xunta siga teimando en construír un estacionamento privado, de pago e a prezos abusivos, busque fórmulas para habilitar desde a iniciativa municipal prazas de aparcamento gratuítas no contorno de Montecelo".

Puentes tamén denunciou a situación de "colapso sanitario" que, ao igual que acontece noutros puntos de Galicia, padecen os centros de saúde de Pontevedra, en particular "o de maior demanda", o de Virxe Peregrina".