PSOE e PP únense no Parlamento de Galicia para pedir á Xunta que cubra as baixas de persoal sanitario en Caldas

Umia
30 de novembro 2022

O responsable socialista Julio Torrado presentou esta iniciativa na Comisión de Sanidade. O PPdeG apoia esta petición pero tamén demanda ao alcalde Juan Manuel Rey que "deixe de bloquear a construción do novo centro de saúde e poña os terreos necesarios a disposición da Xunta"

Julio Torrado, portavoz socialista de Sanidade no Parlamento de Galicia PSdeG-PSOE

Finalmente o Partido Popular mostraba o seu apoio este mércores á proposición non de Lei presentada polo grupo socialista, a través do portavoz Julio Torrado, na comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta a cobertura das baixas do persoal sanitario no Centro de Saúde de Caldas de Reis.

Esta proposta, segundo o PSOE, é "idéntica" á presentada polo alcalde Juan Manuel Rey, aprobada no Concello co apoio do portavoz municipal do PP e deputado no Parlamento, Fernando Pérez, que non acudía á sesión deste mércores.

O portavoz socialista alertaba da urxencia de cubrir as baixas e tamén demandou máis prazas para o Centro de Saúde. Aseguraba en sede parlamentaria que as fins de semana é habitual atopar colas noutros centros de saúde privados porque o Punto de Atención Continuada (PAC) carece de médico e deriva os pacientes a outros PAC da zona que tampouco dispoñen de persoal facultativo. Esta cadea termina chegando a Urxencias do Hospital de Montecelo. Por este motivo demanda unha solución á Consellería.

Torrado tamén lembrou que o edificio do Centro de Saúde precisa dunha reforma urxente e sinalou que o fisioterapeuta se despraza a un local externo a este inmoble porque non ten espazo; e a matrona ocupa un local pago polo Concello de Caldas, nun espazo afastado do persoal administrativo e de servizos xerais.

Sinala que o Concello puxo cinco terreos alternativos ao dispor da Consellería de Sanidade para a construción de novas instalacións sen éxito.

APOIO DO PP

Pola súa banda, Encarna Amigo, portavoz de Sanidade do PPdeG, apoiou esta iniciativa no Parlamento para cubrir as baixas do persoal no centro de saúde.

A representante popular puntualizou que a convocatoria de 106 prazas de especialista en Atención Primaria por concurso de meritos que realizou a Consellería de Sanidade inclúe catro prazas para facer gardas no PAC de Caldas, o que significa oito gardas ao mes no centro de saúde. Sinalou que esta medida foi aprobada no Pleno do Parlamento co voto en contra do PSdeG e do BNG.

Ademais, aproveitou para demandar ao alcalde de Caldas que "deixe de bloquear a construción do novo centro de saúde e poña, dunha vez por todas, os terreos ao dispor da Xunta para que se poidan iniciar as obras". 

Tras o debate acordouse que o texto aprobado na comisión de Sanidade indicase que "o Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a cubrir as baixas dos e das profesionais sanitarios no Centro de Saúde de Caldas de Reis para non volver atoparse coa reiterada situación de non ter atención e ter que ser derivados a outras vilas, onde tampouco existe a seguridade de ser atendidos".