As portavoces dos grupos municipais do PSOE, do BNG e de Ciudadanos, Sandra Fernández Agraso, Ainhoa Fervenza e Vanessa Rodríguez, respectivamente, lamentan o "desinterese" amosado polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín en reconsiderar a postura do Goberno local sobre o futuro do Servizo Municipal de Emerxencias, evidenciado na convocatoria do pleno extraordinario solicitado pola oposición para abordar este asunto unha hora antes da sesión ordinaria que corresponde neste mes de maio e que conta con temas de gran calado.
O pleno terá lugar este luns día 31 ás 19.30 horas no Concello de Sanxenxo e será presencial, ainda que con limitación de aforo no interior. Sen embargo as portavoces da oposición convidan a todas as persoas interesadas neste tema a seguir o debate desde o exterior da Casa Consistorial.
A orde do día da sesión extraordinaria, proposta polos tres grupos da oposición, confórmase cun acordo de someter a consulta popular a modificación da plantilla do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo "por ser de especial relevancia para os veciños de Sanxenxo" e instar á Xunta de Galicia e á Deputación para que modifique o convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias en materia de emerxencias para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais para que acorden igualar a financiación coa dos GES.
Sandra Fernández Agraso, Ainhoa Fervenza e Vanessa Rodríguez coindicen en reprochar a Telmo Martín a súa "desidia" cun tema tan "transcendente" como a seguridade da veciñanza e "lamentan" que non teña feito a convocatoria nunha xornada "exclusiva" para debatir este asunto.
"Fai este pleno porque a lei lle obriga pero para el este tema está zanxado. Non estaría de máis que a veciñanza lle recordara o luns a importancia de contar coa tranquilidade de ter un Servizo de Emerxencia", explican.
Recordan que se trata dun servizo supramunicipal que da cobertura a máis de 50.000 veciños de Sanxenxo, O Grove, Meaño e Poio e que o recorte da súa plantilla vai afectar ás intervencións nos accidentes de tráfico ou os incendios en vivendas "poñendo en perigo ás posibles vítimas e aos propios bombeiros, ademáis de aumentar o tempo de resposta, onde un minuto é a diferencia entre vivir ou morrer".
Tanto Fernández Agraso como Ainhoa Fervenza e Rodríguez Búa coinciden en que "os verdadeiros motivos do desmantelamento non teñen relación co aforro económico", como argumentou Telmo Martín no último pleno, xa que os 6 efectivos que serán apartados do Servizo de Emerxencias para integrarse no de Medio Ambiente continuarán a cobrar o seu salario do Concello pero nunha área que carece de subvención algunha.