O proxecto de urbanización para ampliar o parque empresarial da Ran estará listo este ano

Umia
24 de outubro 2024

A Zona Franca, a SEA e o Concello de Cuntis avanzan no plan de sectorización deseñado para dotar a este polígono de máis solo industrial

Comisión de seguemento do convenio do parque industrial da Ran
Comisión de seguemento do convenio do parque industrial da Ran Consorcio Zona Franca de Vigo

A comisión de seguimento do convenio entre Zona Franca, Concello de Cuntis e Solo Empresarial do Atlántico (SEA) confirmou o avance da primeira fase do plan de sectorización para dotar de máis solo industrial ao parque empresarial da Ran.

Segundo anunciaron, o proxecto de urbanización definitivo, redactado por Tragsa, estará listo antes de final de ano para poder tramitar a súa aprobación.

A esta reunión celebrada este xoves na sede do Consorcio en Vigo, asistiron o delegado da Zona Franca, David Regades, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.

O proxecto de urbanización do Polígono 1 suporá a transformación urbanística do solo industrial no parque da Ran con 325.635 metros cadrados, 200.000 destinados a industria e o resto a equipamentos.

Na comisión entenden que este proxecto dará resposta á demanda de solo de numerosas empresas da comarca que xa expresaron o seu interese por instalarse no polígono de Cuntis.

O convenio establece unha cofinanciación a partes iguais de Zona Franca e de SEA para dar saída a unha demanda histórica do tecido empresarial, ofrecer ao municipio unha maior capacidade industrial e xerar emprego.

David Regades asegurou que para a Zona Franca o polígono de Cuntis "é prioritario" e manifestou que "estamos moi satisfeitos porque con estes prazos deberiamos estar en obras o ano que vén".

Regades confirmou que xa dispoñen das partidas orzamentarias, tanto por parte do consorcio como da SEA.

Pola súa banda, Manuel Campos, alcalde de Cuntis, valorou que para o Concello "a reunión foi moi positiva con pasos importantes que deron as asistencias técnicas que están a participar no proxecto".

Campos, que agradeceu este avance no cumprimento do compromiso do goberno de España coa Ran, expresou a súa confianza en que se se cumpren estes prazos "o ano que vén xa poderemos acometer as expropiacións, pór a zona en comercialización e empezar as obras".

Finalmente, a xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo insistiu en "o gratificante que foi esta reunión, tendo en conta que constatamos estes avances técnicos que van permitir resultados".