Proxectan crear un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón

Poio
07 de decembro 2024

O Concello avanza que conta xa cos permisos de Costas e agora busca vías de financiamento para levalo a cabo. Estará situado en Ánkar

Proxecto de parque infantil de Cristóbal Colón en Poio Concello de Poio

Un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón. É o proxecto que quere sacar adiante o Concello de Poio.

Trátase en concreto dunha área de xogo de aproximadamente 300 metros cadrados que se situaría en Ánkar, renovando por completo o actual parque infantil.

Ademais aproveitaríase que "a escasos metros deste lugar se atopan a Casa Museo de Colón e a Cruz de Colón", explica o alcalde, Ángel Moldes.

O goberno local avanza que conta xa cos permisos de Costas para acometer este proxecto, pero que busca agora vías de financiamento para sacalo adiante.

No que respecta ao parque ambientado en Cristóbal Colón, a idea é habilitar unha réplica da embarcación Santa María, na que Colón descubriu América.

Ademais contaría con tobogáns integrados e outros xogos, como elementos xiratorios imitando os barrís que levaban nas adegas naquela época, dous pórticos de randeeiras e un rocódromo.

"Esta nova proposta non só permitirá ampliar a franxa de idade do parque actual, senón que tamén aumentará o número de usuarios nun 70% e, un dos aspectos máis importantes, incluirá xogos inclusivos", asegura o alcalde.

O obxectivo é poder acometer a reforma do parque de Ánkar durante o próximo ano 2025.