Protestas en Marín e O Grove ante a escaseza de médicos nos centros de saúde

Marín
30 de setembro 2022

A Plataforma pola Saúde de Seixo indica que este venres 30 de setembro haberá só tres facultativos no centro de saúde de Marín e outro que só permanecerá ata as 11.00 horas. Durante a tarde non haberá médico como sucede desde o 16 de setembro. Pola súa banda, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Grove volve concentrarse este venres ás 16.30 horas a carón da Ponte da Toxa demandando melloras na atención primaria, un pediatra e un PAC funcional

Recollida de sinaturas pola saúde pública realizada pola Plataforma de Seixo Plataforma pola Sanidade Pública de Seixo

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, formada por 21 colectivos do municipio de Marín, alerta da "extrema deterioración" que se rexistra, unha vez máis, na atención sanitaria da vila.

Segundo denuncian, esta semana o Centro de Saúde de Marín contou con menos da metade de profesionais facultativos dos que corresponden. Dos 14 médicos que se asignan a este centro entre a mañá e a tarde por parte do Sergas, a Plataforma afirma que o luns 26 só houbo catro pola mañá e dous pola tarde; o martes, tres en cada quenda; o mércores, tres pola mañá e dous pola tarde; e o xoves 29, catro pola mañá e dous pola tarde. 

Para esta xornada do venres 30 advirten de que se producirá a peor situación ao contar só con tres facultativos, ademais doutro médico que só permanecerá ata as 11.00 horas. Durante a tarde, segundo denuncian, non haberá facultativos como ocorre todos os venres desde o 16 de setembro.

Para a plataforma é unha vergoña que as colas de pacientes ocupen os corredores e que os 25.000 habitantes de Marín non teñan garantida unha "atención sanitaria digna". Para determinados médicos de Atención Primaria están a darse citas para o 25 de outubro, sinalan. Tamén lembran que desde fai quince días non se poden realizar radiografías debido a unha avaría no servizo e a previsión é que non se arranxe, como mínimo, ata o 20 de outubro. 

A organización que lidera Iria Aboi reclama á consellería de Sanidade, dirixida por Julio García Comesaña, que ofreza contratos dignos aos profesionais para que non se marchen a outros puntos onde lles traten mellor e piden á Xunta de Galicia que asuma responsabilidades. A Plataforma mantén a súa recollida de sinaturas á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da atención primase. 

O GROVE

Pola súa banda, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Grove, creada o domingo 25 de setembro por representantes políticos, sindicatos, asociacións, organizacións locais e particulares vinculados ao sector sanitario, anuncia unha nova concentración este venres 30 a partir das 16.00 horas no Paseo Marítimo nas inmediacións ao Puente da Toxa.

Durante as últimas horas protagonizaron unha concentración con motivo da inauguración do 'Foro La Toja' e decidiron regresar este venres para reclamar unha Atención Primaria digna alertando de que só contan con dous facultativos para atender só urxencias dos sete previstos; tamén piden atención pediátrica xa que levan tres meses sen este servizo cando están contemplados dous profesionais sanitarios e, ademais, piden un PAC funcional xa que a maioría de días non se realiza un servizo de urxencias no centro sanitario.

Con motivo da presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta, no Foro e do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, os manifestantes realizarán esta protesta ao entender que son os "principais causantes" da situación actual da sanidade pública en Galicia e, en concreto, no Grove.